O PP frea o proxecto de Eroski de abrir outro supermercado

O PP FREA O PROXECTO DE EROSKI DE ABRIR OUTRO SUPERMERCADO

O guion cumpriuse. O PP votou en contra do convenio urbanístico para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal na Maravilla, freando así o proxecto do grupo Eroski de abrir un supermercado, coa previsión de crear 35 postos de traballo. «¿Por que intentaron sacalo no seu goberno e agora non lles vale?», preguntouse a primeira tenente de alcalde e delegada de Urbanismo, Mª Xosé Rodríguez (BNG). «¿Por que se o avalan todos os informes?», indagou o edil de Educación, Robustiano Labraña (Anova), que intúe «un interese [da oposición] de desmontar calquera iniciativa que poda ter unha rendibilidade política» para o tripartito.

O portavoz popular aduciu que «non hai proba documental de que Eroski vaia crear 35 empregos máis dos que existen, non é a mesma modificación nin son as mesmas circunstancias». Luis Rubido botou en cara aos grupos do executivo que non teñan retomado a revisión do PXOM, como prometeron en campaña. «Podemos pensar que [coa modificación puntual] se trata de evadir esa revisión, que podía ser desfavorable para a propiedade», argüiu. Ademais de cuestionar que a empresa que elaborou este proxecto sexa a mesma á que en 2008 adxudicóuselle a redacción do novo plan urbano, polo que «perdería a neutralidade». E apuntou, sen concretar, «razóns de desenvolvemento local».

Rodríguez deixou claro que o único plan en vigor data de 1995; reprochou ao PP «que deixara morrer a revisión do Plan Xeral, que tiña que estar aprobado definitivamente no 2013, cando gobernaba»; xustificou que o tripartito non teña emprendido a revisión por falta de medios, posto que o groso da subvención da Xunta xa se gastou; e negou calquera incompatibilidade por parte do autor, como acreditan os informes técnicos. Tanto ela como Labraña incidiron no interese xeral do proxecto, polo emprego.

O 26 de marzo de 2014, o executivo de Rubido retirou da orde do día do pleno a aprobación inicial dunha modificación do PXOM para recalificar unha parcela na Maravilla. Aduciu un informe da arquitecta. O propietario da leira volveu solicitar unha modificación do plan o 20 de maio de 2015, que se frustrou o martes. A inhibición do alcalde, Pablo Moreda (PSOE), polo seu anterior vínculo laboral co promotor, impediu aprobar o convenio, ao non contar coa maioría necesaria en materia urbanística (a metade máis un dos membros da corporación).

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN O PP frea o proxecto de Eroski de abrir outro supermercado

O PP ratifícase no seu rexeitamento á recualificación de A Marabilla

O PP RATIFÍCASE NO SEU REXEITAMENTO Á RECUALIFICACIÓN DE A MARABILLA

O PP cedeirense reafírmase no seu rexeitamento á modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para permitir o uso comercial dunha parcela na Marabilla, onde Eroski proxecta abrir unha tenda con 35 empregos. «Non é a mesma que se tramitou antes (no seu goberno), nin as mesmas circunstancias. Agora expóñense cuestións xurídicas que non estamos dispostos a asumir», aduce, sen precisar. «Dicir que noso non é porque non se tramitou o PERI da Xunqueira é pueril», engade, en alusión á delegada de Urbanismo, Mª Xosé Rodríguez (BNG). «Ao PP non lle caen os aneis se ten que rectificar -recalca-, non asumimos a estratexia das superficies que se asentan á entrada de núcleos urbanos para captar clientes de poboacións lindeiras, evitando que pequeno comercio e hostalería aproveiten esa afluencia». Ve A Xunqueira «como unha alternativa máis adecuada, compatible co interese de máis de 130 familias que viven da hostalería e a alimentación en Cedeira».

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN O PP ratifícase no seu rexeitamento á recualificación de A Marabilla 

Cedeira diminúe a presión fiscal sobre as familias rebaixando os tipos de gravame

CEDEIRA DIMINÚE A PRESIÓN FISCAL SOBRE AS FAMILIAS REBAIXANDO OS TIPOS DE GRAVAME

Tres foron os asuntos aprobados por unanimidade polo pleno de Cedeira celebrado o pasado martes, o que leva ao equipo de goberno a pensar que “debemos estar facendo algo ben o noso traballo para que ata a oposición vote a prol das nosas propostas, tal e como está a suceder nas últimas sesións plenarias”. A desta semana tiña carácter extraordinario.

No primeiro punto, a corporación tomou o acordo de aprobar a resolución pola que o goberno local garante unha achega provincial, por importe de 158.806,51 euros, con cargo ao POS 2017 para acometer obras de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal. Trátase de intervencións incluídas no plan municipal de mellora da rede de saneamento e cuantificado en 1,1 millóns de euros ata o ano 2018.

O segundo asunto foi o relativo á política fiscal coa que o goberno municipal trata de reducir a presión sobre as familias a raíz do “catastrazo do ano 2013”. “Un erro que agora está a recoñecer o PP ao votar a prol de reducir os tipos de gravame dos inmobles urbanos e rústicos para tratar de compensar a suba dos valores catastrais”, segundo se apuntou desde o executivo cedeirense. Así, no caso das vivendas urbanas, o tipo pasará do 0,50% ao 0,48% e, no das propiedades rústicas, queda no 0,42% cando antes estaba no 0,46%.

Por último, a corporación tamén aprobou o cambio de uso da propiedade que dará lugar á ampliación da escola infantil, unha decisión coa que “se dá carpetazo definitivo a todo que que tiña que facer o Concello de Cedeira”, segundo o equipo de goberno. O acordo recoñece como uso principal o de equipamento sanitario asistencial e como complementario o de equipamento sociocultural. Os responsables municipais entenden que agora lle toca ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar seguir avanzando na realización do proxecto para que Cedeira poida ter as prazas de gardería que realmente necesita. “Nós xa fixemos o que tiñamos que facer para que a ampliación da escola infantil se poida levar a cabo”, apuntan.

A Deputación investirá máis de 100.000 euros en obras de mellora na estrada que comunica Punta Candieira coa ermida de Santo Antonio

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE 100.000 EUROS EN OBRAS DE MELLORA NA ESTRADA QUE COMUNICA PUNTA CANDIEIRA COA ERMIDA DE SANTO ANTONIO

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana un investimento de 101.406,90 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 2204, de Punta Candieira á ermida de Santo Antonio, un asunto que o equipo de goberno valora como un novo compromiso da institución provincial coa veciñanza cedeirense.

Este novo compromiso, sumado á inversión xa realizada de case 514.000 euros na estrada DP 2205 (Santo André- A Pedra) e a prevista de case 750.000 euros para acometer a variante das Pontigas, é “unha boa mostra de que a Deputación sempre está a atender aos pedimentos que se fan desde o Concello Cedeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. O primeiro edil tamén confía en que a Xunta contribúa agora á mellora das infraestruturas locais coa execución do proxecto para eliminar as curvas de Landeira, “o que viría representar a engalaxe definitiva de Cedeira en materia de comunicación viaria”.

O acordo aprobado agora polo pleno representa a execución dun proxecto que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, no que se acometerán traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, así como o desbroce de ribadas e a realización de beiravías. Tamén se prevé a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal.

A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.

O Concello de Cedeira recorre á arbitraxe da deputación para desatascar o peri de xunqueira

O CONCELLO DE CEDEIRA RECORRE Á ARBITRAXE DA DEPUTACIÓN PARA DESATASCAR O PERI DE XUNQUEIRA 

Os 1.500 folios que conforman o expediente do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) – Unidade de Execución Integral 1 da Xunqueira xa se atopan no servizo provincial de Asistencia a Municipios. O goberno local de Cedeira decidiu recorrer á arbitraxe da Deputación nun intento de desatascar a tramitación do plan, promovida por un particular, tras máis dunha década desde que se aprobase inicialmente, o 11 de xaneiro de 2007. «Estase dando un paso moi importante, este asunto está enquistado, naceu en 2006 e xa pasaron diferentes técnicos e gobernos locais. Entendemos a preocupación e  malestar existente por parte da propiedade por un proxecto tan complexo, o máis complexo dos que levan pasado polo Concello en 15 anos, e pretendemos desbloquear a situación. É unha actuación moi importante para a propiedade e tamén para o Concello, porque unha parcela pasará a disposición da Administración local», sostén o alcalde, o socialista Pablo Moreda.

A concelleira de Urbanismo, a nacionalista María Xosé Rodríguez, comparte a necesidade de sacar adiante este proxecto. Da Deputación sairán senllos informes xurídico e técnico «e esa conclusión determinará por onde se debe proceder», subliña o mandatario local,  aínda que non se trate dun ditame vinculante.

A familia que promove o PERI criticou tanto ao actual executivo local como ao anterior polo atraso na tramitación e as trabas.

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN O Concello de Cedeira recorre á arbitraxe da Deputación para desatascar o PERI de Xunqueira

 

O Concello pide a colaboración de todas as formacións políticas para reivindicar a mellora da estrada 566

O CONCELLO PIDE A COLABORACIÓN DE TODAS AS FORMACIÓNS POLÍTICAS PARA REIVINDICAR A MELLORA DA ESTRADA 566

Crear emprego, favorecer o asentamento poboacional, mellorar a seguridade viaria e tamén a saúde. Estas son as razóns nas que se apoia o Concello de Cedeira para pedir á Xunta de Galicia que realice unha importante inversión na AC-566, única vía de comunicación da vila coa comarca de Ferrol. Son as mesmas que hai uns días explicaron persoalmente o alcalde, Pablo Moreda Gil, e mais a concelleira de Urbanismo, María Xosé Rodríguez, á titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle.

O encontro tivo lugar o pasado martes e nel volveuse a falar, por parte da representante da Xunta, de acometer a mellora integral da estrada en sucesivas fases, dado o elevado custo que precisa a obra. A Consellería de Infraestruturas dispón dun proxecto cuxo orzamento de execución é de 14 millóns de euros para o conxunto da estrada. A proposta da Xunta, da que xa se ten falado co Concello, pasa por comezar a obra cunha primeira intervención no tramo coñecido como o das curvas de Landeira, un traxecto de algo máis de dous quilómetros de moi difícil trazado. O orzamento estimado para a súa execución ascende a 4,3 millóns de euros.

O equipo de goberno non ten problema en empezar por un ou outro tramo sempre que o resultado final sexa a mellora tanto da seguridade das persoas que circulan pola vía como da calidade de vida dos veciños de Cedeira. A estrada, segundo apuntou o alcalde, é fundamental para xerar emprego, para evitar a perda de poboación e, en xeral, para garantir o futuro económico e social da vila, así como para que resulte moito máis curta unha viaxe en ambulancia ata o complexo hospitalario de Ferrol.

Por esta cuestión, o equipo de goberno invita a todas as formacións políticas con presenza no concello, teñan ou non representación municipal, a que participen dunha reivindicación que ten como obxectivo alcanzar un ben común tan importante como é, no caso de Cedeira, ter unha vía de comunicación adaptada ás necesidades da xente. O executivo local advirte de que non ten intención de abandonar a loita para conseguir que dentro do actual mandato comece, aínda que só sexa co inicio dos trámites, o proxecto de mellora da citada estrada.

A titular da Consellería de Infraestrutura e Vivenda comprometeuse a seguir falando do tema nunha nova entrevista, que non se prevé que sexa antes dos primeiros meses do 2017.