Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBA DESTINAR CASE O 82% DO POS+ADICIONAL A TRES PROXECTOS DE INVESTIMENTO

O pleno do Concello de Cedeira aprobou na súa última sesión ordinaria o destino dos 408.599,84€ que lle corresponden ao municipio no marco do programa do POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. A administración local vai investir 334.899€, case o 82% dos fondos, en tres proxectos e adicar a cantidade restante, 73.700€, a financiar gasto corrente.

Os proxectos de investimento que van levarse a cabo con cargo ao programa provincial son “Renovación do pavimento nas rúas Ortigueira, Río Condomiñas, Río Lamos e Río Tixón”, valorado en 130.000€; “Reforma e conservación do edificio escolar do Lugar de Corredoira”, cun orzamento de 144.901,04€, e “Reforma e adecuación do sistema de saneamento en San Román”, cun custo de 59.997,95€. Os tres están xa redactados.

O primeiro deles dotará ás citadas catro rúas do casco urbano de novos pavimentos e dunha nova rede de recollida de augas pluviais, ao tempo que se aproveitan as obras para mellorar a accesibilidade nos catro viais. En canto ao terceiro proxecto, o do saneamento en San Román, vai dirixido a corrixir os fallos técnicos do actual equipamento para que alcance as prestacións necesarias e cumpra a normativa vixente.

O edificio que se vai reformar é a antiga escola de Santalla, en Cervo, un inmoble construído no ano 1962 e que despois foi ampliado. En 2020 o pleno do goberno local rematou coa cesión gratuíta que a institución municipal facía destas instalacións, desde o ano 2013 e a custo cero, a favor da Organización Juvenil Española (OJE). En xeral o antigo escolar non está en moi mal estado, pero é precisa a intervención para resolver humidades na cuberta e nalgunha das fachadas. O obxectivo é poñer o inmoble ao servicio da veciñanza e o tecido asociativo, dándolle diferentes usos.