Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“DE MARZO A MARZO” DE OPAÍ TEATRO ABRIRÁ O DÍA 14 AS REPRESENTACIÓNS DO SEGUNDO CICLO FUSA GUILLÉN

O Concello de Cedeira ten seleccionado xa as tres obras de teatro amador que estarán na segunda edición do certame Fusa Guillén, de entre as sete que concurriron á convocatoria. “De Marzo a Marzo”, da compañía Opaí; “Retratos no Camiño” de Romaría Teatro e “Facendo as Partixas” de Axóuxere son as pezas que se representarán no Auditorio Municipal os días 14 e 21 deste mes de outubro e o 4 de novembro, sempre ás oito da tarde e con entrada de balde.

O Concello de Cedeira creou no pasado ano 2022 o certame de teatro afeccionado Fusa Guillén para homenaxear a unha dramaturga que removeu a vida cultural cedeiresa impulsando o teatro e a recuperación do Samaín, entre outras cousas. Xunto coas tres obras seleccionadas para integrar o ciclo, que recibirán 600€ en concepto de gastos pola actuación, a comisión encargada de elixir deixou outras dúas pezas en reserva: “Ai mamá” da Asociación de Teatro Afeccionado Arroutada e “Sincronizadas” de Farándula Velutina.

A compañía ferrolá Opaí Teatro abrirá o ciclo o día 14 coa peza “De Marzo a Marzo”, creada con motivo do cincuenta aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. O recordo chega a través dun rapaz que ten que facer un traballo sobre o tema para a escola. Os máis vellos da familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto das personaxes, e eles mesmos, se enfrentan aos desafíos da vida actual. De marzo a marzo é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a raiba. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar. Unha peza conmovedora que non nos deixará indiferentes.

A seguinte representación será o día 21 de outubro e correrá a cargo da compañía Romaría Teatro, tamén de Ferrol. “Retratos no Camiño” ofrece unha visión das vidas que veñen e van a través de Serafín Lorenzo, un fotógrafo da parroquia de Serantes que foi máis coñecido como “Cazolitos. Andaba os camiños da contorna retratando ás xentes e os seus traballos, tempo de lecer e lugares. Da súa man esta peza irá facendo retratos de amas de casa, lavandeiras e leiteiras de Serantes, dos traballos na fábrica da Peninsular Maderera na Malata, de mulleres que axudaban a refuxiados na guerra civil, e dos cines e os bailes de antes.

Para rematar, o 4 de novembro actuará en Cedeira a compañía de Oleiros Axóuxere Teatro. “Facendo as Partixas” sitúase nos anos 80, cando o país esperta á democracia. Dúas irmás xúntanse, tras vinte anos sen verse, para repartir a herdanza familiar. Ana, a menor e progresista, fuxiu con 17 e estivo desconectada da familia mentres Laura, a maior e conservadora, quedou a coidar dos seus pais ao tempo que sacaba adiante á súa propia familia. Durante este reencontro, lembran o pasado, xurden as pantasmas e os reproches… pero descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían. A reconciliación entre ambas, e cada unha consigo mesma, converterase nos alicerces dun esperanzador futuro. Esta obra está especialmente dirixida a quen poida lembrar ou teña referenzas dunha época sen teléfonos móbiles, onde as nenas xogaban con bonecas “Mariquita Pérez”.