Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

Cedeira diminúe a presión fiscal sobre as familias rebaixando os tipos de gravame

CEDEIRA DIMINÚE A PRESIÓN FISCAL SOBRE AS FAMILIAS REBAIXANDO OS TIPOS DE GRAVAME

Tres foron os asuntos aprobados por unanimidade polo pleno de Cedeira celebrado o pasado martes, o que leva ao equipo de goberno a pensar que “debemos estar facendo algo ben o noso traballo para que ata a oposición vote a prol das nosas propostas, tal e como está a suceder nas últimas sesións plenarias”. A desta semana tiña carácter extraordinario.

No primeiro punto, a corporación tomou o acordo de aprobar a resolución pola que o goberno local garante unha achega provincial, por importe de 158.806,51 euros, con cargo ao POS 2017 para acometer obras de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal. Trátase de intervencións incluídas no plan municipal de mellora da rede de saneamento e cuantificado en 1,1 millóns de euros ata o ano 2018.

O segundo asunto foi o relativo á política fiscal coa que o goberno municipal trata de reducir a presión sobre as familias a raíz do “catastrazo do ano 2013”. “Un erro que agora está a recoñecer o PP ao votar a prol de reducir os tipos de gravame dos inmobles urbanos e rústicos para tratar de compensar a suba dos valores catastrais”, segundo se apuntou desde o executivo cedeirense. Así, no caso das vivendas urbanas, o tipo pasará do 0,50% ao 0,48% e, no das propiedades rústicas, queda no 0,42% cando antes estaba no 0,46%.

Por último, a corporación tamén aprobou o cambio de uso da propiedade que dará lugar á ampliación da escola infantil, unha decisión coa que “se dá carpetazo definitivo a todo que que tiña que facer o Concello de Cedeira”, segundo o equipo de goberno. O acordo recoñece como uso principal o de equipamento sanitario asistencial e como complementario o de equipamento sociocultural. Os responsables municipais entenden que agora lle toca ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar seguir avanzando na realización do proxecto para que Cedeira poida ter as prazas de gardería que realmente necesita. “Nós xa fixemos o que tiñamos que facer para que a ampliación da escola infantil se poida levar a cabo”, apuntan.

A Deputación investirá máis de 100.000 euros en obras de mellora na estrada que comunica Punta Candieira coa ermida de Santo Antonio

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE 100.000 EUROS EN OBRAS DE MELLORA NA ESTRADA QUE COMUNICA PUNTA CANDIEIRA COA ERMIDA DE SANTO ANTONIO

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana un investimento de 101.406,90 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 2204, de Punta Candieira á ermida de Santo Antonio, un asunto que o equipo de goberno valora como un novo compromiso da institución provincial coa veciñanza cedeirense.

Este novo compromiso, sumado á inversión xa realizada de case 514.000 euros na estrada DP 2205 (Santo André- A Pedra) e a prevista de case 750.000 euros para acometer a variante das Pontigas, é “unha boa mostra de que a Deputación sempre está a atender aos pedimentos que se fan desde o Concello Cedeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. O primeiro edil tamén confía en que a Xunta contribúa agora á mellora das infraestruturas locais coa execución do proxecto para eliminar as curvas de Landeira, “o que viría representar a engalaxe definitiva de Cedeira en materia de comunicación viaria”.

O acordo aprobado agora polo pleno representa a execución dun proxecto que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, no que se acometerán traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, así como o desbroce de ribadas e a realización de beiravías. Tamén se prevé a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal.

A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.