Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Deputación investirá máis de 100.000 euros en obras de mellora na estrada que comunica Punta Candieira coa ermida de Santo Antonio

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE 100.000 EUROS EN OBRAS DE MELLORA NA ESTRADA QUE COMUNICA PUNTA CANDIEIRA COA ERMIDA DE SANTO ANTONIO

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana un investimento de 101.406,90 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 2204, de Punta Candieira á ermida de Santo Antonio, un asunto que o equipo de goberno valora como un novo compromiso da institución provincial coa veciñanza cedeirense.

Este novo compromiso, sumado á inversión xa realizada de case 514.000 euros na estrada DP 2205 (Santo André- A Pedra) e a prevista de case 750.000 euros para acometer a variante das Pontigas, é “unha boa mostra de que a Deputación sempre está a atender aos pedimentos que se fan desde o Concello Cedeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. O primeiro edil tamén confía en que a Xunta contribúa agora á mellora das infraestruturas locais coa execución do proxecto para eliminar as curvas de Landeira, “o que viría representar a engalaxe definitiva de Cedeira en materia de comunicación viaria”.

O acordo aprobado agora polo pleno representa a execución dun proxecto que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, no que se acometerán traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, así como o desbroce de ribadas e a realización de beiravías. Tamén se prevé a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal.

A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.