Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

CAMPAÑA DE INVERNO 2023 DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Do 13 de xañeiro ao 17 de febreiro.

As idades dos rapaces/zas participantes serán de 11 a 15 anos inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2022).

Cota de participación: 85 €.

Terán preferencia os/as rapaces/zas que non foran a ningunha campaña da neve da Deputación.

Prazo para as solicitudes de inscrición: ata o día 16 de decembro de 2022.

Para a formalización da inscrición, debes entregar no teu Concello:
1. Ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polo pai e a nai, ou de ser o caso, polo titor.
3. Fotocopia da tarxeta sanitaria.
4. Fotocopia do carné de identidade ou libro de familia.
5. Copia do aboamento da cota de inscrición (cando a Deputación e publicado na súa web).
6. No caso de que o/a neno/a tivese tratamento ou doenza que teñan que ser tidos en conta, axuntarase certificado médico asinado por facultativo/a. De igual xeito, no caso de medicación específica ou alerxia alimentaria ou doutro tipo.

Pódese descargar a solicitude na seguinte ligazón:

VER PDF SOLICITUDE

O CONCELLO DISTRIBUE ENTRE A CIDADANÍA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

O goberno local de Cedeira reparte estes días entre a veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 22. A publicación dá conta do traballo do Concello nos últimos meses, destacando o balance da campaña de turismo deste verán. A revalorización do atractivo da vila para as persoas que a visitan grazas entre outras cousas á recuperación das cetarias do Sarridal, a posta en marcha da vía ferrata, ou a reapertura do Castelo da Concepción, xunto coa alta afluencia que tiveron as festas e o resto das actividades confirmaron unha volta á normalidade de antes da pandemia.

No boletín infórmase do balance dos proxectos acollidos ao programa do GALP A MariñaOrtegal na localidade. Foron máis de 800.000 euros investidos en diferentes iniciativas dirixidas a poñer en valor a economía e a cultura ligadas á pesca e o marisqueo en Cedeira. A localidade distinguiuse no último plan de actuación plurianual do GALP como unha das máis dinámicas no desenvolvemento de accións e o Concello participa xa na definición do novo plan que estará vixente ata o 2027.

As7Parroquias dá conta tamén do avance nas escavacións no xacemento do Sarridal, da adxudicación de axudas ao tecido asociativo no eido deportivo e no sociocultural, da licitación da ambiciosa renovación do pavimento do polideportivo municipal e, entre outras cousas, a compra de libros para a escola infantil da Galiña Azul. O boletín trata tamén sobre o recorte de profesorado no IES Punta Candieira e do rexeitamento que esta medida xerou entre a cidadanía e no Concello, así como do ninguneo da Consellería de Educación á petición dunha entrevista urxente que foi unanimemente solicitada pola corporación municipal.

A contraportada do boletín está adicada á Escola de Música Vila de Cedeira, que cumpre dez anos con gran vitalidade.

Pódese descargar o Boletín na seguinte ligazón:

VER PDF Boletín as 7 parroquias nº22

O CONCELLO REPARTE 36.000€ EN AXUDAS ENTRE UNHA DUCIA DE ASOCIACIÓNS LOCAIS NO EIDO SOCIOCULTURAL

A Xunta de Goberno de Cedeira vén de aprobar a concesión das axudas para asociacións socioculturais do municipio, por un valor total de 36.000€. Como en anos anteriores, a convocatoria resolveuse polo sistema de concorrencia competitiva, segundo criterios obxectivos, e os fondos repártense entre o capítulo de actividades, dotado con 30.000€, e o de investimentos, cos 6.000€ restantes. Unha ducia de entidades obteñen subvención este ano e nove delas fano nas dúas categorías.

Segundo comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, este ano o número de entidades que concurriron á convocatoria foi maior que o pasado, o que confirma a definitiva recuperación e volta á normalidade do tecido asociativo da localidade. O rexedor celebrou a vitalidade que teñen as asociacións locais e a súa variedade, que se pode comprobar na mesma resolución.

Así, as axudas para realización de actividades repartíronse entre as asociacións Acordeóns de Cedeira (3.056,31€), a Sociedade Artística Eixil (2.961,54€), as asociacións veciñais de San Román (2.748,31€), Cervo Tarroiba (2.250,77€) e San Xulián de Montoxo (1.563,23€), a asociación Patchwork (2.606,15€), a Asociación Mulleres da Vila de Cedeira (2.985,23€), Buxainas (2.914,51€), Aturuxeiras (2.394€), a Rondalla de Cedeira (2.795,69€), a asociación Discalzos polo Festival (2.724,62€) e a Asociación de Maiores (1.000€).

As axudas para investimentos, dotadas cun total de 6.000€, foron para a Asociación de Acordeóns (743,52€), Eixil (720,46€), as asociacións veciñais de San Román (668,59€), Cervo Tarroiba (547,55€ ) e San Xulián de Montoxo (587,90€), Mulleres da Vila (726,22€), Buxainas (708,93€), Aturuxeiras (634,01€) e Discalzos (662,82€).