Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE CASE 20.000€ NOS APARATOS PARA MELLORAR O EQUIPAMENTO DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de contratar a subministración de máquinas de musculación para o ximnasio municipal e a súa instalación por valor de 19.998,88€ (IVE incluído). Mercaranse diferentes aparatos que mellorarán o equipamento dispoñible para os adestramentos, cumprindo así co proxecto de Orzamentos Participativos aprobado polo pleno da corporación o pasado mes de maio.

O goberno local conta cunha axuda de 10.000€, xestionada diante da Secretaría Xeral para o Deporte e que vai cubrir a metade do investimento. Segundo a resolución da subvención, a adminstración autonómica aporta 5.882€ con cargo ao exercicio 2023 e os restantes 4.118€ corresponderán ao de 2024. Concretamente, adícanse 17.711€ á compra dos aparatos e preto de 2.300€ á instalación dos mesmos.

A lista da compra abrangue máquinas multipress, apertura e deltoides, femoral-extensións, prensa horizontal, dorsais-remo medio, abdutor-adutor, glúteo e functional trainer, segundo o aprobado nos Orzamentos Participativos xurdidos do proceso democrático que no pasado curso protagonizou o alumnado de terceiro de ESO do IES Punta Candieira.

Cómpre recordar que actualmente están en proceso de contratación as obras de ampliación do ximnasio municipal, que ocupa un espazo contiguo á pista multideporte do Pavillón Municipal. O Concello conta cun orzamento de preto de 62.000€ para esta actuación, coa que o espazo pasará dos 83 metros cadrados actuais aos 119 en total, permitindo a instalación dun equipamento máis completo e variado.