Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DESTINARÁ MÁIS DE 237.000€ DE FONDOS PROPIOS Á SUBSTITUCIÓN DO CAMPO ARTIFICIAL DO BECO

A Xunta de Goberno Local de Cedeira acaba de aprobar a adxudicación da substitución do céspede artificial do campo de fútbol municipal do Beco á máis ventaxosa entre as seis ofertas presentadas ao proceso de licitación. A obra levarase a cabo finalmente por un presuposto de 237.420,15€ (saíu a concurso por preto de 250.000€), informou o goberno municipal, que serán asumidos con fondos municipais dos que se incorporaron ao orzamento deste exercicio procedentes do remanente do ano anterior.

O campo do Beco ten 6.577,2 metros cadrados de superficie e está situado na traseira do Polideportivo Municipal. Está marcado para fútbol 11, ao longo, e tamén para fútbol 7 -en dous campos pintados en transversal- e ten unha alta intensidade de uso que causou, de feito, o seu deterioro ao longo da súa vida útil. Actualmente, o céspede presenta deficiencias de nivelacións en varias zonas, o que fai que se formen charcos e irregularidades que causan un comportamento inadecuado do balón, tanto nos rebotes como na rodadura.

Instalarase agora un sistema de última xeración coa herba artificial que irá colocada sobre unha base elástica de 10mm de espesor cunha absorción de impactos superior ao 35%. O novo campo garantirá unha maior durabilidade e a menor deformación co paso do tempo. Ademais, garantirá unha maior absorción de impactos, co que haberá menor risco de lesións para os xogadores e xogadoras.

Xunto co céspede en si, o contrato abrangue a renovación de elementos que están actualmente oxidados, tanto das porterías plegables de fútbol 7 como do sistema de drenaxe do campo, así como a instalación dun novo sistema de rego, aproveitando a rede xa existente, cuxos canóns de saída de auga poderán extraerse e quedar a conexión por debaixo da superficie, sen molestar no xogo cando non estean en uso.