Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROMOVE UNHA NOVA EDICIÓN DO CERTAME “TAPAS DE OUTONO” PARA DINAMIZAR A HOSTALERÍA

O Concello de Cedeira promove un ano máis o certame Tapas de Outono para contribuír a dinamizar a hostalería local nun mes, o de novembro, que tradicionalmente é frouxo para o sector. Os establecementos teñen de prazo ata este venres para inscribirse no concurso, que se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de novembro. Como é habitual o público será o xurado que elixirá o mellor petisco cos seus votos, ao tempo que participa no sorteo dunha cea para dúas persoas.

As bases do certame, que o Concello organiza desde o ano 2018, establecen que as tapas serviranse o venres noite, o sábado e o domingo ao mediodía, a un precio de 2,5€. Necesariamente terán que empregar dous destes ingredientes propios do outono: cabaza, cabaciña, castaña e setas.

O público deberá probar polo menos cinco tapas, cubrindo co selo ou a sinatura dos diferentes establecementos a tarxeta correspondente, para poder emitir o seu voto. Na mesma tarxetas deberán asignar tres, dous e un punto aos tres petiscos que consideren mellores. Gañará o local que sume máis puntos –ou que obtivera máis votos de tres puntos en caso de empate-. Entre todas as tarxetas participantes sortearase unha cea para dúas persoas no local que resulte gañador. Recoméndase probar todos os petiscos, porén admitirase só unha tarxeta por persoa.

Os establecementos hostaleiros de Cedeira poden chamar ou enviar un Whatsapp ao número de teléfono 697 479 710 ou ben mandar un correo electrónico a noel.lopez@cedeira.gal.