O Goberno Municipal chama á responsabilidade de cada veciño/a para protexerse da covid-19 e tamén protexer aos demais
Agosto é un mes que a calquera persoa de Cedeira evócalle reunións, comidas en familia e cos amigos e amigas, celebracións, festas… Como todos sabemos, por responsabilidade e compromiso coa saúde da veciñanza, este ano a Corporación Municipal decidiu prescindir das actividades que caracterizan as festas de Cedeira, dentro do paquete de medidas aplicadas para reducir a incidencia da Covid-19 na nosa vila.
Dende o Concello de Cedeira e seguindo as recomendacións e normativa en materia de saúde pública dos organismos competentes, vémonos na obriga de pedirvos a todas e todos nestas datas tan emotivas que escollades ter unha actitude responsable e evitedes as grandes celebracións que poidan poñer en perigo as persoas que máis queredes, as que máis achegadas están a cada un e unha de vós.
Queremos tamén informarvos que a Xunta de Galicia mediante a Resolución de 17 de xuño de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade prohibe expresamente o botellón, e dicir, o consumo de alcol en espazos públicos.
No caso da Xira, pola imposibilidade de controlar as ocupacións e garantir que a actividade se desenvolva coas medidas óptimas de seguridade, este ano queda suspendida e recomendámosvos a todos e todas que non acudades ao tradicional xantar que se celebraría o 17 de agosto.
Non debemos esquecer as medidas de seguridade nun momento onde a saúde persoal e comunitaria debe ser a nosa prioridade e por compromiso coa veciñanza cada un de nós ten a responsabilidade de protexerse para tamén protexer aos demais.
Chegarán novas festas, bailaremos e cantaremos con quen escollamos facelo, mais este ano a prudencia é a mellor compaña que podemos ter.