O goberno local abre unha canle de participación da mocidade na vida política e social do municipio
O Concello de Cedeira quere contar coa participación da mocidade cara á elaboración do orzamento municipal do 2021. Así o acaba de poñer de manifesto o executivo local coa contratación da empresa Goodlife Factory SL para levar a cabo un proceso participativo no IES Punta Candieira que dará lugar a propostas de actuación que se financiarán con cargo ás contas municipais do próximo ano.
O importe da contratación ascende a 7.260 euros (IVE incluído) e para o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a decisión cumpre unha dobre función: “obedece ao compromiso político de iniciar un proceso participativo vinculante dun colectivo como experiencia piloto e serve de método de aprendizaxe en democracia tanto para o alumnado de referencia como para os políticos e técnicos que tomarán parte no mesmo”.
O plan de traballo inclúe un total de cinco accións que se levarán a cabo ao longo de curso escolar e que teñen como punto de partida a creación dun grupo de traballo. A iniciativa rematará coa implicación das propias familias,que recibirán información de todo o proceso a través dunha circular do centro. Tamén haberá debate nas aulas e votacións para elixir as propostas que finalmente se verán reflectidas nos orzamentos municipais do próximo ano