Cedeira sinaliza os sumidorios co lema “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa” para evitar verteduras ao mar
O Concello de Cedeira mantén activa a campaña de información sobre a importancia dun uso responsable da rede de sumidoiros na calidade ambiental na ría. Esta iniciativa deu lugar onte á sinalización dalgúns dos sumidoiros situados nas zonas peonís e concorridas con placas informativas co fin de recordar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa” é o lema desta campaña.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, sumouse a esta acción coa colocación dunha placa no rexistro situado na praza do Concello. No acto estivo acompañado da técnica de Medio Ambiente, Ana Piñeiro, e dun traballador municipal.
A área urbana de Cedeira conta cunha canalización de augas pluviais que circulan pola rede para acabar directamente na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría, “de aí a importancia de adoptar condutas que axuden a conservar a noso entorno”, tal e como apuntou o rexedor municipal.
Desde o executivo local considérase fundamental recordar sempre que o lixo que non se deposita correctamente ten moitas probabilidades de chegar ao mar e acabar nas praias, “unha contaminación que provoca un dano na vida dos mares case irreversible”, aseguran.
O Concello recorda que xestos habituais como verter a auga dos fregados ou tirar ao chan cabichas, envoltorios e outros residuos teñen consecuencias negativas no medio ambiente e anima á veciñanza e visitantes a depositar cada residuo no colector axeitado, usar as papeleiras e baleirar a auga sucia no inodoro para un correcto tratamento e eliminación, accións que se agradecen porque “cun pequeno xesto, axudaremos a manter limpa a nosa ría”.
Para máis información podese descargar o tríptico na seguinte ligazón:
Descarga tríptico Campaña por un uso responsable dos sumidoiros