Cedeira pecha o Concello e Servizos Municipais para evitar contaxios do coronavirus
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acaba de editar un bando no que se informa das medidas preventivas adoptadas polo Concello para tratar de evitar a expansión do coronavirus entre a poboación local. As disposicións estarán vixentes durante un período inicial de 15 días, desde hoxe venres (día 13) ata o 27 de marzo.
Así, suspéndese a atención ao público presencial no Concello, tanto na Casa Consistorial como na sede dos Servizos Sociais que, a partir de agora farase vía correo electrónico (correo@cedeira.gal) ou a través dos teléfonos da Policía Local, do Rexistro municipal, Servizos Sociais, Polideportivo, Biblioteca, Policía Local e Oficina de Turismo. Polo tanto, permanecerán pechados ao público a biblioteca, os Servizos Sociais, o Polideportivo Municipal, a Oficina de Turismo e o Centro de ocio xuvenil.
Así mesmo quedan suspendidos o feirón mensual e o mercado dos sábados , a feria de antigüedades e segunda mano prevista para o 10 de abril, as iniciativas deportivas e socioculturais organizadas polo Concello, as actividades que se veñen celebrando nos centros municipais como obradoiros e cursos, tanto na vila como nas parroquias, e recomendase ás asociacións e entidades anular os actos públicos e sociais durante os próximos 15 días.
O Concello tamén recomenda á veciñanza non acudir a lugares moi concorridos, especialmente se se trata de sitios pechados e poñendo especial atención a colectivos vulnerables, como poden ser as persoas maiores, poboación infantil ou persoas con doenzas crónicas.
Lavarse as mans de maneira frecuente, cubrirse a boca e o nariz en caso de toser ou esbirrar, evitar tocarse os ollos, nariz e boca e evitar contacto con outras persoas en caso de presentar síntomas respiratorios, son outras das recomendacións recollidas no bando institucional do Concello de Cedeira.
O Concello pide a veciñanza que colaboren, na medida das súas posibilidades, para mitigar a expansión do Covid-19, ao tempo que se lle quere mandar unha mensaxe tranquilizadora e de agradecemento polas posibles molestias que poidan derivarse das medidas adoptadas.