Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Xunta adopta medidas preventivas especiais en educación, deportes, residencias de maiores e actividades de ocio

A XUNTA ADOPTA MEDIDAS PREVENTIVAS ESPECIAIS EN EDUCACIÓN, DEPORTES, RESIDENCIAS DE MAIORES E ACTIVIDADES DE OCIO

  • A vixencia destas medidas é de 14 días naturais e revisaranse ao finalizar este prazo podendo ser prorrogadas
  • Acórdase o peche dos centros sociocomunitarios e limitaranse as actividades e as visitas nas residencias e centros de día
  • No eido educativo suspéndese todo tipo de actividade lectiva regrada en todas as etapas educativas, así como as actividades extraescolares
  • Nas actividades colectivas en espazos pechados, non poderá superarse un terzo do aforo cando haxa máis de 50 persoas e prohíbense aquelas que impliquen máis de 500; esta cifra tampouco poderá superarse en espazos abertos
  • Tamén se inclúe a decisión de celebrar a porta pechada os grandes eventos deportivos

O Consello da Xunta acordou esta mañá un paquete de medidas preventivas especiais en materia de Saúde Pública para os vindeiros 14 días. Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e ante a recente declaración da Organización Mundial da Saúde (OMS) como pandemia, Galicia adopta estas medidas co obxectivo de manter unhas boas prácticas de prevención e contención da enfermidade.

As medidas previstas terán unha vixencia de 14 días naturais, sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido este prazo.

Eido das residencias de maiores

A Xunta acorda o peche dos centros sociocomunitarios e tamén a suspensión das actividades nos centros de día e residenciais que supoñan o acceso de persoas externas a estes centros.

Así mesmo, no día de hoxe entrou en vigor a limitación das visitas aos centros residenciais. Permítense só visitas dunha soa persoa e restrínxese, con carácter xeral, o acceso aos centros das persoas maiores de setenta anos e de persoas con síntomas respiratorios, febre ou patoloxías cardíacas ou respiratorias previas.

Entre outras actuacións, aconséllase extremar as medidas de limpeza e extremar as medidas de precaución nos ingresos de residentes novos. Tamén se acorda limitar a presenza de residentes en actividades, e distribuílos de xeito que se reduza a presenza de persoas en espazos pechados.

Eido educativo

No ámbito da educación o Goberno galego decide a suspensión da actividade lectiva regrada a partir do luns, día 16, en todas as etapas educativas e ensinanzas desde 3 anos, así como das actividades extraescolares (incluídos servizos complementarios, viaxes ou excursións e eventos) durante 14 días.

O persoal docente e non docente deberá acudir ao centro educativo e, en función dos niveis educativos e dos medios tecnolóxicos dispoñibles, realizarán actividade co alumnado de xeito telemático.

Ademais, quedan suspendidas todas as prácticas do alumnado dos ciclos de formación profesional en empresas e centros de traballo.

Así mesmo queda suspendida toda actividade de formación do profesorado que teña carácter presencial.

No ensino universitario tamén se suspende toda actividade académica, así como os servizos comúns en residencias, aínda que permanecerán abertas. Canto ás bibliotecas universitarias, poderán admitir alumnado ata un terzo do seu aforo, conforme as instrucións reitorais.

Eido das actividades deportivas

O Goberno galego acordou realizar a porta pecha os grandes eventos deportivos profesionais e non profesionais, nacionais e internacionais, que supoñan unha grande afluencia de afeccionados. Isto incluirá os partidos de primeira e segunda división de fútbol e os seus equivalentes de baloncesto e todos aqueles que comporten un número importante de movemento de afeccionados.

Tamén deben suspenderse ou celebrarse a porta pechada todas as actividades deportivas, incluíndo as municipais, que conleven asistencia de público. Adoptouse tamén a suspensión da actividade do programa “XOGADE”.

Ademais, celebrarase a porta pechada da actividade oficial autonómica, nomeadamente a correspondente ás federacións deportivas galegas. Non obstante, os organizadores poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión da mesma a fin de minimizar prexuízos a clubes e deportistas.

Outras actividades de ocio, culturais e similares

Así mesmo, péchanse ao público as bibliotecas, museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da administración autonómica. E recoméndase ás demais administracións titulares de equipamentos culturais, a adopción de medidas semellantes.

No acordo ratificado hoxe en Consello da Xunta inclúense limitacións ás actividades colectivas. Suspéndese a celebración de espectáculos públicos e recreativos con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado, aplicando as medidas de distanciamento entre as persoas conforme as recomendacións sanitarias. Esta limitación non afectará a espazos pechados cun aforo igual ou inferior a 50 persoas.

Recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre. En todo caso, suspéndense aquelas que concentren a máis de 500 persoas.

O persoal encargado da vixilancia e seguridade dos eventos poderá impoñer limitacións de acceso ou permanencia nos establecementos a aquelas persoas que presenten unha sintomatoloxía compatible cunha infección por coronavirus a efectos de protexer ao resto de espectadores.

En calquera caso, outros eventos que comporten un gran movemento de poboación poderán valorarse caso a caso e ser obxecto de resolución individual por parte da autoridade sanitaria.