Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

Cedeira leva 365 días á espera da reunión con sanidade para falar da ampliación do centro de saúde

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, califica de “absolutamente lamentable” a actitude que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, está a manter cos veciños/as e co executivo local no día que se cumpre un ano desde que o Concello pedira unha reunión para falar da ampliación do centro de saúde.

O equipo de goberno segue a considerar prioritaria a realización dunha obra que incrementaría ata un 40% a actual capacidade do centro e para a que o goberno municipal fixo os deberes coa compra da propiedade que garante a viabilidade do proxecto. A adquisición supuxo un desembolso superior aos 60.000 euros.

O rexedor municipal apunta que “ninguén da Consellería se puxo en contacto comigo nestes 365 días”, ao tempo que esixe explicacións por parte dos seus responsables para que a veciñanza e os seus representantes “deixemos de ter a sensación de orfande ante a Xunta, para a que Cedeira importa moi pouco”, dixo.

Moreda Gil considera que a falta de resposta obedece a unha ausencia de compromiso “con Cedeira e a súa xente” e recorda que existe un acordo do Parlamento de Galicia polo que se instaba á Xunta a dialogar co Concello de Cedeira para mellorar a asistencia sanitaria coa ampliación do actual centro de saúde. “Unha decisión parlamentaria”, apunta, “que Sanidade vén incumprindo sistematicamente”, ao tempo que denuncia a precariedade dalgúns servizos como o de pediatría, que mobilizou á veciñanza en demanda dunha consulta propia no municipio. A escaseza de consultas, deficiencias estruturais no servizo de Urxencias, ausencia de salas de reunións, ademais de goteiras e accesos deficientes, son outros problemas que o executivo vén denunciando co apoio dos propios profesionais e traballadores do centro médico.

Ante estas realidades, o Concello de Cedeira optou no ano 2018 por darlles solucións adquirindo a planta baixa, a terceira e o baixo cuberta do inmoble anexo ao centro de saúde, para garantir a súa ampliación. Este compromiso deu lugar posteriormente á cesión da propiedade á Consellería de Sanidade.

O pleno aprobou o orzamento municipal para este ano, que supera os 6 millóns de euros

O goberno de Cedeira xestionará este ano un orzamento de 6.299.684,12 euros, o que representa un incremento do 11,88% con respecto ao agora vixente (de 5. 630.601euros).

O asunto resultou aprobado na sesión celebrada o xoves pola corporación municipal e saíu adiante cos votos a favor do executivo local e coa abstención do PP e do BNG, un xesto que agradeceu o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, por entender que “todos estamos a traballar na mesma liña nun proxecto social de recuperación para as nosas familias que, por suposto, tamén é o proxecto de todos os partidos que formamos parte da corporación municipal”.

O rexedor municipal destacou así mesmo o traballo que fixo o equipo de goberno á hora de elaborar un orzamento “pensado para cubrir as necesidades sociais dos veciños/as e destinado a axudar ás persoas máis vulnerables e aos sectores máis prexudicados economicamente polo coronavirus. De feito, “as contratacións para persoal de atención ao servizo de axuda no fogar incrementouse máis de 80.000 euros con respecto ao ano pasado para atender aos máis dependentes”, segundo o executivo local. Un plan para combater a emerxencia social de 50.000 euros e outro de 150.000 para axudar a todas aquelas empresas e autónomos que viron a súa actividade paralizada pola pandemia están xa recollidos no documento aprobado o día 4. A dinamización do comercio e da hostalería de Cedeira tamén é outra das prioridades do goberno local e boa mostra diso é o proxecto de dinamización que o goberno prevé contratar en xullo coa entrada en vixencia dos orzamentos agora aprobados.

O goberno cedeirense manterá así mesmo unha política continuísta con respecto ao investimento en saneamento, con preto de 368.000 euros, e tamén no relativo á optimización do sistema de alumeado público, tanto na zona rural como na vila, cun gasto superior aos 143.000 euros para este ano. Adaptar o antigo pazo de Moscoso para acoller dependencias municipais e destinar máis de 100.000 euros á mellora de pistas municipais e desbroces son outros investimentos previstos polo executivo para este 2020, así como a contratación dun Plan de Igualdade e un proxecto de orzamentos participativos para a mocidade. Para este último, o equipo de goberno traballará conxuntamente co alumnado do IES Punta Candieira.

Haberá novos investimentos para continuar coas excavacións no xacemento do Sarridal -un a cargo do Concello e outro financiada para Xunta de Galicia- e, no relativo ao capítulo das subvencións de libre concorrencia para fomentar a cultura e deporte, no documento contable figuran as mesmas cantidades orzamentadas que ano pasado. En canto as axudas directas serán percibidas pola Escola de Música, Museo Mares de Cedeira, Apader, Agrupación local da Cruz Vermella, Asociación sobre Rodas, Asociación polo Benestar Animal (ABAC), Asociación Ecuestre “A crina”, Protección Civil, ANPAs Picapeixe e O beco, Asociación Amigos dos Ríos e Banda de Música Vila de Cedeira. Entre unhas e outras o Concello de Cedeira repartirá un total de 188.300 euros.

Con respecto ao capítulo de ingresos consignase unha baixada de 106.000 euros na recadación dos impostos directos (un 5,05%) pola a parálise da actividade económica pero, polo contrario, aumenta en 124.876,38 euros as transferencias correntes. Nelas se inclúen as achegas da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 e as destinadas á execución de obras. Estas últimas incrementanse un 75,64% respecto ao 2019.

O Goberno publica a orde que fai obrigatorio o uso de máscaras en espazos públicos se non se pode manter a distancia de seguridade

Orden SND/422/2020, de 19 de maio, pola que se regulan as condicións para o uso obrigatorio de mascarilla durante situación de crisis sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a presente orde disponse, con carácter xeral, o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros, sendo recomendable o seu uso para a poboación infantil de entre tres e cinco anos.

Son excepcións a esta obrigación aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada pola utilización da máscara e aquelas que teñan contraindicado o seu uso por motivos de saúde ou discapacidade.
Así mesmo, o seu uso non será esixible no desenvolvemento de actividades que resulten incompatibles, tales como a inxesta de alimentos e bebidas, así como en circunstancias nas que exista unha causa de forza maior ou situación de necesidade.

O previsto nesta orde debe entenderse sen prexuízo da necesidade de seguir cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias relativas ao mantemento da distancia interpersoal, a hixiene de mans e resto de medidas de prevención..

Máis información na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2020-5142