O pleno aprobou o orzamento municipal para este ano, que supera os 6 millóns de euros
O goberno de Cedeira xestionará este ano un orzamento de 6.299.684,12 euros, o que representa un incremento do 11,88% con respecto ao agora vixente (de 5. 630.601euros).
O asunto resultou aprobado na sesión celebrada o xoves pola corporación municipal e saíu adiante cos votos a favor do executivo local e coa abstención do PP e do BNG, un xesto que agradeceu o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, por entender que “todos estamos a traballar na mesma liña nun proxecto social de recuperación para as nosas familias que, por suposto, tamén é o proxecto de todos os partidos que formamos parte da corporación municipal”.
O rexedor municipal destacou así mesmo o traballo que fixo o equipo de goberno á hora de elaborar un orzamento “pensado para cubrir as necesidades sociais dos veciños/as e destinado a axudar ás persoas máis vulnerables e aos sectores máis prexudicados economicamente polo coronavirus. De feito, “as contratacións para persoal de atención ao servizo de axuda no fogar incrementouse máis de 80.000 euros con respecto ao ano pasado para atender aos máis dependentes”, segundo o executivo local. Un plan para combater a emerxencia social de 50.000 euros e outro de 150.000 para axudar a todas aquelas empresas e autónomos que viron a súa actividade paralizada pola pandemia están xa recollidos no documento aprobado o día 4. A dinamización do comercio e da hostalería de Cedeira tamén é outra das prioridades do goberno local e boa mostra diso é o proxecto de dinamización que o goberno prevé contratar en xullo coa entrada en vixencia dos orzamentos agora aprobados.
O goberno cedeirense manterá así mesmo unha política continuísta con respecto ao investimento en saneamento, con preto de 368.000 euros, e tamén no relativo á optimización do sistema de alumeado público, tanto na zona rural como na vila, cun gasto superior aos 143.000 euros para este ano. Adaptar o antigo pazo de Moscoso para acoller dependencias municipais e destinar máis de 100.000 euros á mellora de pistas municipais e desbroces son outros investimentos previstos polo executivo para este 2020, así como a contratación dun Plan de Igualdade e un proxecto de orzamentos participativos para a mocidade. Para este último, o equipo de goberno traballará conxuntamente co alumnado do IES Punta Candieira.
Haberá novos investimentos para continuar coas excavacións no xacemento do Sarridal -un a cargo do Concello e outro financiada para Xunta de Galicia- e, no relativo ao capítulo das subvencións de libre concorrencia para fomentar a cultura e deporte, no documento contable figuran as mesmas cantidades orzamentadas que ano pasado. En canto as axudas directas serán percibidas pola Escola de Música, Museo Mares de Cedeira, Apader, Agrupación local da Cruz Vermella, Asociación sobre Rodas, Asociación polo Benestar Animal (ABAC), Asociación Ecuestre “A crina”, Protección Civil, ANPAs Picapeixe e O beco, Asociación Amigos dos Ríos e Banda de Música Vila de Cedeira. Entre unhas e outras o Concello de Cedeira repartirá un total de 188.300 euros.
Con respecto ao capítulo de ingresos consignase unha baixada de 106.000 euros na recadación dos impostos directos (un 5,05%) pola a parálise da actividade económica pero, polo contrario, aumenta en 124.876,38 euros as transferencias correntes. Nelas se inclúen as achegas da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 e as destinadas á execución de obras. Estas últimas incrementanse un 75,64% respecto ao 2019.