Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PERSOAL E FACENDA

OITO NEGOCIOS LOCAIS PARTICIPARÁN NAS XORNADAS GASTRONÓMICAS RECEITAS PESCA DE COSTA PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS MARIÑOS DE CEDEIRA

O proxecto “Pesca de Costa”, actuación conxunta na que participan a Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello de Cedeira, ten como obxectivo visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando neste cometido o sector hostaleiro da propia vila.

Esta iniciativa pon en relación os dous sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro, poñendo en marcha unhas xornadas gastronómicas que terán lugar do 9 ao 12 de outubro.

En oito locais hostaleiros poderanse degustar as receitas “Pesca de Costa” elaboradas con produtos capturados no día. Algunhas das suxerencias son: pescada de volanta cociñada de diferentes maneiras (con salmón, salsa de queixo e caviar de algas, en caldeirada e acompañada de xurelo e cabracho ou en salsa verde, por exemplo); ostras ao forno con lima; polbo en ensalada temperá con fresas, amorodos e lagostinos; luras da ría fritidas; ou un peixe sapo á cedeiresa.

Os negocios de hostalería local que participan nesta promoción son O Amanexo, A Xunqueira, Vila Vella, O Castro, Brisa, Taberna do Jojo, Badulaque e Kilowatio. Nos seus locais disporase un código QR a través do cal se poderá ver o vídeo da receita que cada establecemento promociona e propón probar aos seus comensais.

As oito receitas tamén estarán dispoñibles no Facebook e na canle de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

O propósito destas xornadas é poñer en valor a calidade diferencial do produto da costa de Cedeira, o seu valor nutricional, a sustentabilidade da súa captura e a trazabilidade do produto dende que se pesca ou extrae ata que se pon no prato. Con todos eses atributos quérese promover o seu consumo tanto na poboación local como nos visitantes da vila.

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18

PROCESO DE SELECCIÓN E CONTRATACIÓN DE PERSOAL ADMINISTRATIVO GALP A MARIÑA-ORTEGAL

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, convoca o proceso de selección de persoal para a cobertura dun posto de Administrativo para a aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP 2014-2020).

As condicións e requisitos pódense consultar nas bases que regularán este proceso de selección, que estarán dispostas na páxina web https://galp.xunta.gal/, ou chamando ao teléfono: 986 50 71 22 en horario de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

As solicitudes serán presentadas no prazo máximo de 15 días hábiles contados dende a última publicación nos medios indicados na Base 4.1, debendo realizarse segundo o modelo que se xunta como Anexo I ás Bases, nas oficinas de ADM ASESORES, sito en Avda Agustín Romero, 1-1º de Vilagarcía de Arousa, en horario de luns a venres, de 08:00 a 15:00 horas; ou ben, por correo electrónico dirixido á dirección: egg@admasesores.com