Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DISTRIBUE ENTRE A CIDADANÍA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

O goberno local de Cedeira reparte estes días entre a veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 22. A publicación dá conta do traballo do Concello nos últimos meses, destacando o balance da campaña de turismo deste verán. A revalorización do atractivo da vila para as persoas que a visitan grazas entre outras cousas á recuperación das cetarias do Sarridal, a posta en marcha da vía ferrata, ou a reapertura do Castelo da Concepción, xunto coa alta afluencia que tiveron as festas e o resto das actividades confirmaron unha volta á normalidade de antes da pandemia.

No boletín infórmase do balance dos proxectos acollidos ao programa do GALP A MariñaOrtegal na localidade. Foron máis de 800.000 euros investidos en diferentes iniciativas dirixidas a poñer en valor a economía e a cultura ligadas á pesca e o marisqueo en Cedeira. A localidade distinguiuse no último plan de actuación plurianual do GALP como unha das máis dinámicas no desenvolvemento de accións e o Concello participa xa na definición do novo plan que estará vixente ata o 2027.

As7Parroquias dá conta tamén do avance nas escavacións no xacemento do Sarridal, da adxudicación de axudas ao tecido asociativo no eido deportivo e no sociocultural, da licitación da ambiciosa renovación do pavimento do polideportivo municipal e, entre outras cousas, a compra de libros para a escola infantil da Galiña Azul. O boletín trata tamén sobre o recorte de profesorado no IES Punta Candieira e do rexeitamento que esta medida xerou entre a cidadanía e no Concello, así como do ninguneo da Consellería de Educación á petición dunha entrevista urxente que foi unanimemente solicitada pola corporación municipal.

A contraportada do boletín está adicada á Escola de Música Vila de Cedeira, que cumpre dez anos con gran vitalidade.

Pódese descargar o Boletín na seguinte ligazón:

VER PDF Boletín as 7 parroquias nº22