Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

O PLENO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO DE 2021, QUE ASCENDE A MÁIS DE 6,3M€

O pleno da corporación de Cedeira deu onte luz verde, nunha sesión extraordinaria celebrada telematicamente, ao orzamento de 2021, que ascende a 6.315.212,13€ e representa un incremento, respecto ao anterior, dun 0,25%. O presuposto recibiu o voto a favor do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou destas contas “que reflicten a nosa vontade de estar preto da cidadanía e apoiar ás familias e ás empresas que o precisan nestes tempos complicados”.

O alcalde destacou que os fondos destinados a servizos sociais ascenden este ano a 1.080.000€, de xeito que se incrementa de novo neste exercicio o esforzo do goberno local neste eido. O orzamento reserva tamén unha partida de 70.000€ para cumprir o compromiso de facer unha nova convocatoria de axudas directas para as empresas e autónomos e contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria.

O Concello de Cedeira renova neste orzamento o seu compromiso co tecido asociativo da vila. Así, están contempladas as subvencións nominativas á Escola de Música Vila de Cedeira, asociación ecuestre A Crina, asociación Mares, Amigos dos Ríos, Banda de Música, as ANPAs Picapeixe e O Beco, a asociación San Andrés de Teixido, Protección Civil, Cruz Roja, ANPA de Apader, Sobre Rodas e ABAC, entidades ás que desde o goberno se quere recoñecer o seu importante traballo, fundamental na dinamización da vida social e cultural da localidade. Inclúense nas contas tamén, con partidas que suman 42.000€, as convocatorias que fai cada ano o Concello en réxime de concorrencia competitiva para actividades e entidades deportivas e culturais.

Segundo explicou o alcalde, a evolución da pandemia determinará, máis adiante, se o Concello pode organizar as actividades de tipo deportivo e cultural que se suspenderon a raíz do covid.19. Puntualizou, con todo, que aínda que as partidas de gastos non estean concretadas no orzamento, o goberno local tivo en conta estas circunstancias e dispón dos fondos que no seu caso poderían destinarse a poñelas en marcha.

O capítulo de investimentos está dotado neste ano 2021 con 1.159.849,33€, cos que se van levar a cabo, entre outros, os seguintes proxectos:

  • Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa.
  • Consolidación e reparación da cuberta dos escolares de Saa e Silsalde Maior.
  • Conservación do firme na Avenida de España e o camiño Pitilleira.
  • Reforma integral da Praza de Galicia.
  • Mellora de beirarrúas na Avenida de España, Rúa Ponte Nova e outras.
  • Ampliación do saneamento nas Pontigas.
  • Pista de skate e tirolina no Parque Camiño Real da Madalena.

Neste mesmo capítulo de investimentos, cómpre sinalar que o Concello reserva fondos para unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Sarridal, así como para proseguir co plan de recuperación de fontes e lavadoiros e para diferentes actuacións de mellora medioambiental, como a compra e plantación de árbores ou a mellora da eficiencia enerxética.

Están tamén previstos, para este exercicio 2021, a execución dos primeiros orzamentos participativos da historia de Cedeira, cunha partida de 20.000€. O seu destino será decidido, a través dun proceso que xa está en marcha, polos alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Cedeira.

Moreda Gil amosou a súa satisfacción pola aprobación do novo orzamento, ferramenta básica para proseguir co proxecto social e de progreso do goberno local, e apuntou que coa liquidación do presuposto de 2020 e á vista dos remanentes poderán acometerse outras actuacións que non tiveron cabida neste proxecto contable.

A OBRA DA ESTRADA AC-566 EN VALDOVIÑO COMEZARÁ TRAS AS VACACIÓNS DO NADAL

As obras da estrada AC-566, en case catro quilómetros, desde o núcleo urbano de Valdoviño cara a Cedeira, comezarán despois das vacacións de Nadal. « Xa se firmou a acta de replanteo e por iso están xa colocados os carteis», explican desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que promove esta actuación, cun custo de algo máis de 4,6 millóns de euros, incluído o prezo da expropiación das 136 leiras ocupadas.

Os traballos desenvolveranse desde a zona do Carballal ata A Ramalleira. Ao longo dos dous primeiros quilómetros está previsto mellorar o trazado actual, habilitando « carrís adicionais para adiantamento seguro entre os puntos quilométricos 0+100 e 2+535 en sentido directo, e do 1+150 ao 1+165 á inversa», detallan desde o departamento de Ethel Vázquez. Do punto 1+919 ao 2+535 manterase a vía existente, «para minimizar as afeccións á canteira e á vagada que conforma este subtreito».

A Consellería optou por non empregar a canteira para provisión de terras, «para evitar calquera tipo de afección á Rede Natura». A Sociedade Galega de Historia Natural solicitou en xullo á Fiscalía de Medio Ambiente a paralización cautelar da ampliación deste tramo da AC-566, «porque afectaría á Zona de Especial Conservación Costa Ártabra e a unha importante poboación do fento ameazado Woodwardia radicans». Infraestruturas asegura que «se fixeron novos traballos de campo específicos, que permitiron descartar por completo a presenza de especies protexidas non ámbito dá actuación».

Entre os puntos 2+535 e 3+635 rectificaranse as curvas existentes, ampliando os radios a un valor mínimo de 130 metros, e engadirase un carril no sentido Cedeira-Valdoviño do 2+900 ao 3+600. Desde aí ata o final do tramo no que se vai a intervir non se alterará o trazado. Para o alcalde de Valdoviño, Alberto González, o inminente inicio das obras «é algo a aplaudir». Sobre o resto da vía, ata Cedeira, alude á maior complexidade, sobre todo no tramo das curvas de Landeira, «porque ao estar en zona de Rede Natura esixe un estudo de impacto ambiental, por iso decidiuse empezar por un tramo que non requirise autorizacións sectoriais e non esperar a abordar todo o traxecto á vez, como prevía o proxecto da época do bipartito».

O resto da vía, ata Cedeira

El rexedor de Cedeira, Pablo Moreda, valora a intervención, «a de maior calado que se fai nesta estrada nos últimos 30 anos». E incide na necesidade de avanzar cara á mellora do resto da vía. Un dos puntos conflitivos sitúase na zona Esteiro, onde a creación dun terceiro carril, para favorecer os adiantamentos, obrigaría a quen circule de Esteiro cara a Ferrol a dirixirse ata o centro da vila, na praza de Galicia, para dar a volta na rotonda.

Fonte: La Voz de Galicia
IR Á LIGAZÓ La obra de la carretera AC-566 en Valdoviño comenzará tras las vacaciones de la Navidad

 

O CONCELLO LICITA OBRAS DE MELLORA EN TRES CAMIÑOS MUNICIPAIS CON CARGO Á FINANCIACIÓN DO AGADER

O Concello de Cedeira sacou a licitación un proxecto de mellora de tres camiños de titularidade municipal cun orzamento de 47.526,25€ (IVE incluído), que vai executar con cargo aos fondos obtidos a través do programa Agader. Trátase dos viais de Fernando Lago, de Cordobelas e de Bouza, que suman en total algo máis de dous quilómetros de lonxitude.

O camiño Fernando Lago é o máis longo. Está situado na parroquia de Cedeira e ten algo máis dun quilómetro de percorrido, cun ancho medio de tres metros. O firme é de macádam, con algún rego asfáltico, e atópase deteriorado e con fochancas. A actuación vai consistir la limpeza das gabias, a adecuación da superficie e na aplicación dunha nova capa asfáltica.

As obras serán similares no camiño de Cordobelas, na parroquia de Esteiro, e no de Bouza, na de Régoa. O primeiro destes viais ten 410 metros de longo e 3 de ancho, e o segundo percorre 760 metros, co mesmo ancho medio.

O prazo de execución é de dous meses.