Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA OBRAS DE MELLORA EN TRES CAMIÑOS MUNICIPAIS CON CARGO Á FINANCIACIÓN DO AGADER

O Concello de Cedeira sacou a licitación un proxecto de mellora de tres camiños de titularidade municipal cun orzamento de 47.526,25€ (IVE incluído), que vai executar con cargo aos fondos obtidos a través do programa Agader. Trátase dos viais de Fernando Lago, de Cordobelas e de Bouza, que suman en total algo máis de dous quilómetros de lonxitude.

O camiño Fernando Lago é o máis longo. Está situado na parroquia de Cedeira e ten algo máis dun quilómetro de percorrido, cun ancho medio de tres metros. O firme é de macádam, con algún rego asfáltico, e atópase deteriorado e con fochancas. A actuación vai consistir la limpeza das gabias, a adecuación da superficie e na aplicación dunha nova capa asfáltica.

As obras serán similares no camiño de Cordobelas, na parroquia de Esteiro, e no de Bouza, na de Régoa. O primeiro destes viais ten 410 metros de longo e 3 de ancho, e o segundo percorre 760 metros, co mesmo ancho medio.

O prazo de execución é de dous meses.