CEDEIRA LANZA O PROXECTO “PESCATURACCIÓN” PARA A POSTA EN VALOR DA SÚA PESCA COMO PRODUTO TURÍSTICO
O Concello de Cedeira acadou financiación europea, a través do GALP A Mariña-Ortegal, para o proxecto “Pescaturacción” dirixido a promover o emprendemento innovador e sostible nos sectores pesqueiro e turístico da vila mediante a definición, cun proceso participativo, dos elementos estratéxicos diferenciais nestes eidos para a creación dunha marca territorial que os poña en valor. A Consellería do Mar asinou a resolución pola que a administración local conta cunha axuda de 83.490€, o 100% dos fondos solicitados, para este programa que irá de aquí ao ano 2022 e que rematará co lanzamento dunha imaxe de marca que identificará a actividade pesqueira de Cedeira como un reclamo turístico.
O proxecto presentado polo Concello de Cedeira, na segunda convocatoria de axudas xestionadas polo GALP, vai comezar de inmediato coa primeira parte do traballo. Trátase dunha fase de diagnose na que se van caracterizar en detalle os sectores pesqueiro e turístico da vila. Realizaranse unha serie de entrevistas e cuestionarios en liña para coñecer o número de empresas, tamaño e facturación, as canles de comercialización e as eivas que estas poidan presentar, a análise sobre se existen problemas de relevo xeracional ou de profesionalización, as necesidades en materia de innovación… Con elas tamén identificaranse as fortalezas e as oportunidades para ambos os dous sectores.
Ao longo desta primeira fase do traballo, o proxecto “Pescaturacción” vai buscar liñas de intersección e sinerxias co plan de mellora que o Concello está a desenvolver para o comercio e a hostalería, asociado á nova marca “Merca Cedeira”, así como co programa “Cedeixura”, que lidera a Confraría de Pescadores coa participación da administración local e que vai lanzar a marca “Pesca de Costa”. Esta complementariedade entre os tres proxectos supón unha oportunidade para que os piares da economía local de Cedeira traballen xuntos co mesmo obxectivo.
“Pescaturacción” acometerá no ano 2021 o deseño dun plan de mellora dos sectores pesqueiro e turístico, con accións dirixidas a potenciar a súa competitividade, e a creación dunha imaxe de marca.
No ano 2022 desenvolverase, para rematar, unha campaña de comunicación para a difusión do proxecto e un foro de presentación de conclusións e experiencias de éxito.
Nas seguintes ligazos podese rellenar os cuestionarios:
• Cuestionario para sector empresarial da pesca: https://forms.gle/VqJA4Pj5UKyUeRZNA
• Cuestionario para sector empresarial do turismo: https://forms.gle/vuyuaY3z8BMyfa9N7