APROBADO O NOVO CONVENIO COA ANPA O BECO
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou un novo convenio de colaboración coa ANPA O Beco, de nais e pais de alumnos do IES Punta Candieira. A través del, a institución municipal sufraga con 2.000€ os gastos de funcionamento e actividades da entidade, presidida por Beatriz Piñón, neste ano 2020.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a colaboración co tecido asociativo é unha prioridade para o goberno local, por canto significa impulsar e dinamizar a vida social e cultural da localidade. Neste caso, as actividades que desenvolve a ANPA O Beco van dirixidas especialmente a promover a igualdade e potenciar valores como o coidado do medioambiente ou a promoción do uso eficiente e sostible das tecnoloxías da información e a comunicación.