Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE CONSERVACIÓN DOS CAMIÑOS DO BECO, A PAINCEIRA, SANTALLAMAR E CANCELO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acordou adxudicar á empresa Hordescon o contrato de execución do proxecto “Conservación dos camiños O Beco, A Painceira, Santallamar e outros” por un importe de 77.438,52€ (IVE incluído) -a licitación saíu, por procedemento aberto simplificado, cun prezo de 89.534,65€-. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que esta é unha intervención que vai servir para mellorar o firme en catro viais de titularidade municipal e para extender a rede de recollida de augas pluviais, coa conseguinte mellora na seguridade tanto para a circulación rodada como para os peóns.

As obras, que teñen un prazo de execución de oito semanas, contemplan a actuación en catro camiños que suman 1,25 quilómetros de lonxitude. A maior parte do orzamento vai destinado aos do Beco e a Painceira. O primeiro parte da estrada autonómica AC-566, á altura da estación de servizo e chega ata o desvío ao lugar do Coto. Son 400 metros de percorrido cun ancho de catro metros e gabias a ambos os dous lados, que mellorarán o seu firme e incorporarán a rede de recollida de augas pluviais, cos correspondentes sumidoiros, e una senda peonil dun metro de ancho.

No camiño da Painceira, que conecta este lugar con San Andrés de Teixido, as obras van consistir na limpeza de gavias, a instalación da rede de recollida de pluviais e a posta dunha nova capa de asfalto. Este é un vial de 400 metros de longo e 3,50m de ancho medio.

O contrato inclúe tamén o camiño de Santallamar, que vai desde o final do Paseo Real da Magdalena ata a estrada AC-566 e ten 350 metros de percorrido, e o vial do Cancelo, que ten 100 metros e conecta dúas vivendas coa estrada da Corredoira. Nestes casos limpiaranse as gabias e estenderase unha nova capa de asfalto. A licitación recibiu sete ofertas, seis delas válidas.