Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO XUNTO CO COMERCIO E A HOSTALERÍA DA VILA ESTREAN A NOVA MARCA “MERCA CEDEIRA”

Co gallo do Nadal, o Concello xunto co comercio e a hostalería da vila acordaron a estrea da nova marca “Merca Cedeira”, creada ao abeiro do programa de dinamización destes sectores que o goberno local lanzou hai pouco co obxectivo de potencialos. A creación da nova imaxe de marca é parte dos primeiros traballos incluídos neste proxecto e os empresarios estiveron dacordo en que estas festas son a mellor ocasión para comezar a utilizala. Así, o Concello vai desenvolver unha campaña de promoción do consumo de proximidade empregando as mensaxes que xurdiron nas enquisas do devandito proxecto. A frase “Cedeira é” vai empregarse en diferentes carteis para subliñar que a vila é gastronomía, mar, tradición…

E coa mesma imaxe “Merca Cedeira” ponse en marcha a partir de hoxe o reparto de cupóns en 140 establecementos da vila para participar no sorteo de 2.600€ en premios. Haberá un premio de 500€, outro de 300€, dous de 200€, oito de 100€ e 12 de 50€, dotación aportada polos establecementos participantes na promoción. O sorteo será o 11 de xaneiro e nos vales, entre outros datos, os clientes terán que facer constar o seu número de teléfono, dado que este ano o acto non poderá ser presencial. Ao tempo que se acende a iluminación de Nadal, os comercios e a hostalería de Cedeira que participa na campaña “Merca Cedeira” adobiaranse con árbores de luces blancas, ao igual que xa fixeron o ano pasado.