Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ESTREA ESTE NADAL A IMAXE “MERCA CEDEIRA” PARA A DINAMIZACIÓN DO COMERCIO E A HOSTALERÍA

O acendido da iluminación de Nadal en Cedeira, acto programado para mañá ás 18.30 horas, marcará tamén o inicio dunha campaña para impulsar o consumo de proximidade na que se vai estrear a nova marca “Merca Cedeira. “Temos ilusión por prender as luces e contribuír a recuperar a alegría e o sorriso neste ano tan complicado”, dixo o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quen subliñou que o goberno local acordou coa hostalería e o comercio da vila adiantar a estrea da nova imaxe, e aproveitar as próximas festas para así potenciar aínda máis o papel de Cedeira como referencia para as compras dentro da comarca.

A iluminación de Nadal en Cedeira ten como principal novidade este ano a instalación dun “teito” de luces na rúa Real, unha instalación que vai na liña das actuacións do goberno local dirixidas a devolverlle ao casco vello o seu esplendor. Súmase tamén neste 2020 ao conxunto o adobío do Palacete Municipal cun sistema intelixente para o acendido de 2.500 luminarias led, incorporado polo Concello por suxestión de Cristian Crespo, un usuario de Apader ao que desde o goberno local queren agradecer expresamente a súa colaboración e ilusión no proxecto.

Ademais, como o ano pasado, o Concello instalou un árbol de luces na Praza do Peixe, árbores entre as dúas pontes e uns arcos e renos na praza de Galicia, empregando sempre lámpadas tipo led para mellorar e eficiencia e reducir a contaminación.