Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO CELEBRA QUE SANIDADE TEÑA RETOMADO OS CONTACTOS CARA Á AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O goberno local de Cedeira acaba de contratar, por 17.545€ (IVE incluído), os traballos de redacción dunha Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) necesaria para levar a cabo a ampliación do Centro de Saúde. O alcalde, Pablo Diego Moreda, informou de que a Xunta retomou recentemente o contacto co Concello e expresou a súa confianza en que tras este trámite a Consellería de Sanidade acometa con urxencia as obras necesarias para “rematar coas moitas deficiencias do servizo, que vimos denunciando desde hai anos e que quedaron máis de manifesto coa actual crise sanitaria”.

Proba desa volta ao diálogo é tamén a aprobación por unanimidade onte, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, dunha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista na que se insta ao Goberno galego a “manter os compromisos da Consellería de Sanidade coa cidadanía de Cedeira, reuníndose co Goberno local da dita localidade para facer realidade a necesidade de ampliación do Centro de Saúde desta localidade”.

Moreda Gil asistiu onte no Parlamento de Galicia á presentación e votación da proposición non de Lei e mantivo unha reunión de traballo cos parlamentarios socialistas Martín Seco García, que se encargou de defender a iniciativa, e Julio Torrado. O Centro de Saúde de Cedeira presenta numerosas deficiencias que obrigan aos usuarios a desprazarse ata Ferrol para ter certos servizos. Escaseza de consultas e falta de espazo, goteiras, eivas nos accesos… É unha situación que a Área Sanitaria recoñeceu xa no ano 2017 e da que volveu quedar constancia no escrito que en maio de 2018 enviou ao Concello a Consellería de Sanidade solicitando a cesión dun terreo ou espazos anexos ao Centro de Saúde para a ampliación.

Como resposta, o pleno da corporación de Cedeira adoptou xa en decembro de 2018 o compromiso de colaborar coa Xunta. Segundo constaba naquel acordo, o Concello comprou a planta baixa, terceira e baixo cuberta do inmoble sito na rúa Ortigueira nº7, co que se completou a propiedade de todo o edificio e puido poñerse, na súa totalidade, a disposición da Consellería. Así, o Concello de Cedeira pagou máis de 60.000€ na compra do inmoble co que o Centro de Saúde de Cedeira gañaría case un 50% máis de espazo, segundo o borrador de proxecto que no seu día foi trasladado ao Xerente da Área Sanitaria de Ferrol co devandito acordo plenario. Desde entón, e segundo argumentou o parlamentario socialista Martín Seco durante a presentación da proposición na Comisión de Sanidade, a Consellería “desapareceu”.

A pandemia non fixo máis que agravar a situación e, de feito, hai poucos meses que o Concello de Cedeira instalou unha carpa ás portas do Centro de Saúde para dar abrigo ás persoas usuarias que, cumprindo as medidas de distanciamento, teñen que facer cola no exterior.

Transcurridos dous anos sen avances, o goberno local celebra que a Dirección Xeral de Recursos Económicos teña retomado recentemente os contactos coa administración local cara á posta en marcha da intervención. Como consecuencia diso, o Concello afronta a necesaria modificación puntual do PXOM, xa que o edificio que ten que acoller a ampliación do Centro de Saúde está en solo urbano e precisa dun cambio na ordenación. O traballo encargouse á empresa Monteoliva Arquitectura.

APOIO UNÁNIME DA CORPORACIÓN Á MOCIÓN DO GRUPO DE GOBERNO A PROL DA CUBRICIÓN DO PATIO DO AREAL

O pleno da corporación de Cedeira votou de xeito unánime a favor da moción presentada polo grupo socialista para solicitar á Consellería de Educación a cubrición do patio do Areal, no CEIP Nicolás do Río. A proposta argumenta que este é un espazo infrautilizado cuxo aproveitamento convertiuse en prioridade coas novas rutinas e hábitos que impuxo a pandemia. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu o respaldo de todos os grupos políticos para unha demanda “que é compartida por toda a comunidade educativa, coa que traballamos estreitamente para coñecer as súas necesidades máis urxentes”.

A moción propón a construción dunha cuberta que garanta a máxima ventilación do espazo e a renovación do pavimento, levantando o actual e colocando outro de formigón pulido. Nela recórdase que no contexto de loita contra a covid, os nenos e nenas do colexio teñen que facer recreos separados e que non son suficientes os espazos abrigados, de xeito que cando chove non todo o alumnado pode saír ao exterior.

A proposta pasa tamén por facer deste novo patio cuberto do CEIP Nicolás do Río unha zona para socializar en igualdade, fuxindo do reparto tradicional deste tipo de espazos, que adoitan poñer as pistas deportivas no centro, e promovendo a participación no xogo de todos os alumnos e as alumnas.

O PLENO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO DE 2021, QUE ASCENDE A MÁIS DE 6,3M€

O pleno da corporación de Cedeira deu onte luz verde, nunha sesión extraordinaria celebrada telematicamente, ao orzamento de 2021, que ascende a 6.315.212,13€ e representa un incremento, respecto ao anterior, dun 0,25%. O presuposto recibiu o voto a favor do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou destas contas “que reflicten a nosa vontade de estar preto da cidadanía e apoiar ás familias e ás empresas que o precisan nestes tempos complicados”.

O alcalde destacou que os fondos destinados a servizos sociais ascenden este ano a 1.080.000€, de xeito que se incrementa de novo neste exercicio o esforzo do goberno local neste eido. O orzamento reserva tamén unha partida de 70.000€ para cumprir o compromiso de facer unha nova convocatoria de axudas directas para as empresas e autónomos e contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria.

O Concello de Cedeira renova neste orzamento o seu compromiso co tecido asociativo da vila. Así, están contempladas as subvencións nominativas á Escola de Música Vila de Cedeira, asociación ecuestre A Crina, asociación Mares, Amigos dos Ríos, Banda de Música, as ANPAs Picapeixe e O Beco, a asociación San Andrés de Teixido, Protección Civil, Cruz Roja, ANPA de Apader, Sobre Rodas e ABAC, entidades ás que desde o goberno se quere recoñecer o seu importante traballo, fundamental na dinamización da vida social e cultural da localidade. Inclúense nas contas tamén, con partidas que suman 42.000€, as convocatorias que fai cada ano o Concello en réxime de concorrencia competitiva para actividades e entidades deportivas e culturais.

Segundo explicou o alcalde, a evolución da pandemia determinará, máis adiante, se o Concello pode organizar as actividades de tipo deportivo e cultural que se suspenderon a raíz do covid.19. Puntualizou, con todo, que aínda que as partidas de gastos non estean concretadas no orzamento, o goberno local tivo en conta estas circunstancias e dispón dos fondos que no seu caso poderían destinarse a poñelas en marcha.

O capítulo de investimentos está dotado neste ano 2021 con 1.159.849,33€, cos que se van levar a cabo, entre outros, os seguintes proxectos:

  • Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa.
  • Consolidación e reparación da cuberta dos escolares de Saa e Silsalde Maior.
  • Conservación do firme na Avenida de España e o camiño Pitilleira.
  • Reforma integral da Praza de Galicia.
  • Mellora de beirarrúas na Avenida de España, Rúa Ponte Nova e outras.
  • Ampliación do saneamento nas Pontigas.
  • Pista de skate e tirolina no Parque Camiño Real da Madalena.

Neste mesmo capítulo de investimentos, cómpre sinalar que o Concello reserva fondos para unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Sarridal, así como para proseguir co plan de recuperación de fontes e lavadoiros e para diferentes actuacións de mellora medioambiental, como a compra e plantación de árbores ou a mellora da eficiencia enerxética.

Están tamén previstos, para este exercicio 2021, a execución dos primeiros orzamentos participativos da historia de Cedeira, cunha partida de 20.000€. O seu destino será decidido, a través dun proceso que xa está en marcha, polos alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Cedeira.

Moreda Gil amosou a súa satisfacción pola aprobación do novo orzamento, ferramenta básica para proseguir co proxecto social e de progreso do goberno local, e apuntou que coa liquidación do presuposto de 2020 e á vista dos remanentes poderán acometerse outras actuacións que non tiveron cabida neste proxecto contable.