Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

A Deputación investirá máis de 100.000 euros en obras de mellora na estrada que comunica Punta Candieira coa ermida de Santo Antonio

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE 100.000 EUROS EN OBRAS DE MELLORA NA ESTRADA QUE COMUNICA PUNTA CANDIEIRA COA ERMIDA DE SANTO ANTONIO

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana un investimento de 101.406,90 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 2204, de Punta Candieira á ermida de Santo Antonio, un asunto que o equipo de goberno valora como un novo compromiso da institución provincial coa veciñanza cedeirense.

Este novo compromiso, sumado á inversión xa realizada de case 514.000 euros na estrada DP 2205 (Santo André- A Pedra) e a prevista de case 750.000 euros para acometer a variante das Pontigas, é “unha boa mostra de que a Deputación sempre está a atender aos pedimentos que se fan desde o Concello Cedeira”, apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil. O primeiro edil tamén confía en que a Xunta contribúa agora á mellora das infraestruturas locais coa execución do proxecto para eliminar as curvas de Landeira, “o que viría representar a engalaxe definitiva de Cedeira en materia de comunicación viaria”.

O acordo aprobado agora polo pleno representa a execución dun proxecto que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, no que se acometerán traballos de apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, así como o desbroce de ribadas e a realización de beiravías. Tamén se prevé a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal.

A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.

O Concello de Cedeira denuncia ante o Seprona un novo vertido no río Condomiñas

O CONCELLO DE CEDEIRA DENUNCIA ANTE O SEPRONA UN NOVO VERTIDO NO RÍO CONDOMIÑAS

O Concello de Cedeira vén de denunciar ante o Seprona (Servizo de Protección da Natureza) un novo vertido incontrolado no río Condomiñas. Os feitos remóntanse ao pasado luns cando, sobre as sete da tarde e a escasos metros da desembocadora do Condomiñas, apareceu “unha gran mancha de escuma de cor parduzca, na que destacaban unhas bolas de tamaño considerable”, segundo se fai constar no escrito correspondente.

No mesmo tamén se barallan dúas posibilidades á hora de buscarlle unha explicación ao feito, ou ben trátase dunha descarga dunha fosa aéptica, “dubidoso polo excesivo do seu tamaño para proceder dun domilicio concreto”, ou a súa procedencia podería estar na EDAR.

Co fin de clarexar os feitos, os responsables municipais piden ao Seprona que investigue a orixe da mancha e depure responsabilidades, ao tiempo que recordan que non é a primeira vez que ocorren feitos como os agora denunciados e se deixa aberta a posibilidade de que sexan os propios interesados os que pasen a desmentir a súa posible implicación nos feitos co fin de evitar suspicacias.

Cedeira instalará dous novos parques infantís, un no colexio Nicolás del Río e outro na escola infantil

CEDEIRA INSTALARÁ DOUS NOVOS PARQUES INFANTÍS, UN NO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO E OUTRO NA ESCOLA INFANTIL

O Concello de Cedeira creará antes de que acabe o ano dous novos parques infantís. A súa execución dará comezo nuns días no colexio Nicolás del Río e na escola infantil. Hoxe mesmo a alcaldesa en funcións, María Xosé Rodríguez Pérez, acompañada por técnicos municipais e responsables da empresa adxudicataria, visitaba as zonas nas que se colocarán, ademais dun chan específico para este tipo de instalacións, un total de cinco xogos: tres no centro escolar e dous no da escola infantil.

O orzamento de adxudicación ascendeu a 30.050, 87 euros e o prazo de realización dos traballos quedou fixado en oito semanas. A obra será executada pola empresa Oziona Soluciones de Entretenimiento SL.

Rodríguez Pérez explicou que, no caso do Nicolás del Río, o proxecto inclúe ademais a instalación de dúas portas: unha para limitar o espazo de xogo do escolar e outra para evitar que os nenos poidan saír correndo á estrada que existe nas inmediacións do colexio.