Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CELEBRA QUE SANIDADE TEÑA RETOMADO OS CONTACTOS CARA Á AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O goberno local de Cedeira acaba de contratar, por 17.545€ (IVE incluído), os traballos de redacción dunha Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) necesaria para levar a cabo a ampliación do Centro de Saúde. O alcalde, Pablo Diego Moreda, informou de que a Xunta retomou recentemente o contacto co Concello e expresou a súa confianza en que tras este trámite a Consellería de Sanidade acometa con urxencia as obras necesarias para “rematar coas moitas deficiencias do servizo, que vimos denunciando desde hai anos e que quedaron máis de manifesto coa actual crise sanitaria”.

Proba desa volta ao diálogo é tamén a aprobación por unanimidade onte, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, dunha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista na que se insta ao Goberno galego a “manter os compromisos da Consellería de Sanidade coa cidadanía de Cedeira, reuníndose co Goberno local da dita localidade para facer realidade a necesidade de ampliación do Centro de Saúde desta localidade”.

Moreda Gil asistiu onte no Parlamento de Galicia á presentación e votación da proposición non de Lei e mantivo unha reunión de traballo cos parlamentarios socialistas Martín Seco García, que se encargou de defender a iniciativa, e Julio Torrado. O Centro de Saúde de Cedeira presenta numerosas deficiencias que obrigan aos usuarios a desprazarse ata Ferrol para ter certos servizos. Escaseza de consultas e falta de espazo, goteiras, eivas nos accesos… É unha situación que a Área Sanitaria recoñeceu xa no ano 2017 e da que volveu quedar constancia no escrito que en maio de 2018 enviou ao Concello a Consellería de Sanidade solicitando a cesión dun terreo ou espazos anexos ao Centro de Saúde para a ampliación.

Como resposta, o pleno da corporación de Cedeira adoptou xa en decembro de 2018 o compromiso de colaborar coa Xunta. Segundo constaba naquel acordo, o Concello comprou a planta baixa, terceira e baixo cuberta do inmoble sito na rúa Ortigueira nº7, co que se completou a propiedade de todo o edificio e puido poñerse, na súa totalidade, a disposición da Consellería. Así, o Concello de Cedeira pagou máis de 60.000€ na compra do inmoble co que o Centro de Saúde de Cedeira gañaría case un 50% máis de espazo, segundo o borrador de proxecto que no seu día foi trasladado ao Xerente da Área Sanitaria de Ferrol co devandito acordo plenario. Desde entón, e segundo argumentou o parlamentario socialista Martín Seco durante a presentación da proposición na Comisión de Sanidade, a Consellería “desapareceu”.

A pandemia non fixo máis que agravar a situación e, de feito, hai poucos meses que o Concello de Cedeira instalou unha carpa ás portas do Centro de Saúde para dar abrigo ás persoas usuarias que, cumprindo as medidas de distanciamento, teñen que facer cola no exterior.

Transcurridos dous anos sen avances, o goberno local celebra que a Dirección Xeral de Recursos Económicos teña retomado recentemente os contactos coa administración local cara á posta en marcha da intervención. Como consecuencia diso, o Concello afronta a necesaria modificación puntual do PXOM, xa que o edificio que ten que acoller a ampliación do Centro de Saúde está en solo urbano e precisa dun cambio na ordenación. O traballo encargouse á empresa Monteoliva Arquitectura.