Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Goberno Municipal chama á responsabilidade de cada veciño/a para protexerse da covid-19 e tamén protexer aos demais

Agosto é un mes que a calquera persoa de Cedeira evócalle reunións, comidas en familia e cos amigos e amigas, celebracións, festas… Como todos sabemos, por responsabilidade e compromiso coa saúde da veciñanza, este ano a Corporación Municipal decidiu prescindir das actividades que caracterizan as festas de Cedeira, dentro do paquete de medidas aplicadas para reducir a incidencia da Covid-19 na nosa vila.

Dende o Concello de Cedeira e seguindo as recomendacións e normativa en materia de saúde pública dos organismos competentes, vémonos na obriga de pedirvos a todas e todos nestas datas tan emotivas que escollades ter unha actitude responsable e evitedes as grandes celebracións que poidan poñer en perigo as persoas que máis queredes, as que máis achegadas están a cada un e unha de vós.

Queremos tamén informarvos que a Xunta de Galicia mediante a Resolución de 17 de xuño de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade prohibe expresamente o botellón, e dicir, o consumo de alcol en espazos públicos.

No caso da Xira, pola imposibilidade de controlar as ocupacións e garantir que a actividade se desenvolva coas medidas óptimas de seguridade, este ano queda suspendida e recomendámosvos a todos e todas que non acudades ao tradicional xantar que se celebraría o 17 de agosto.

Non debemos esquecer as medidas de seguridade nun momento onde a saúde persoal e comunitaria debe ser a nosa prioridade e por compromiso coa veciñanza cada un de nós ten a responsabilidade de protexerse para tamén protexer aos demais.

Chegarán novas festas, bailaremos e cantaremos con quen escollamos facelo, mais este ano a prudencia é a mellor compaña que podemos ter.

Aprobadas as convocatorias das liñas de axuda PEL RELEVO e PEL RURINNOVA 2020

O Boletín Oficial da Provincia publicou na súa edición de hoxe a aprobación das seguinte convocatorias de subvencións e axudas públicas:

PEL 2020 PEL RURINNOVA Mocidade Emprendedora

Estas axudas van dirixidas a aquelas empresas e empregadoras que realicen contratacións indefinidas de persoas mozas da provincia da Coruña, empadroadas en concellos con poboación igual ou inferior 5.000 habitantes ou de 5.001 a 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo e rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

PEL 2020 PEL RELEVO creación de emprego para a mocidade.

Estas axudas van dirixidas a persoas mozas da provincia da Coruña, empadroadas en concellos con poboación igual ou inferior 5.000 habitantes ou de 5.001 a 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo e rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que promovan iniciativas empresariais de nova creación incorporadas ao réxime de autónomos como persoas físicas ou como persoas xurídicas desde o 1 de abril de 2019.

 

Nas seguintes ligazóns pode acceder á publicacións no BOP:

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP da convocatoria da liña de axudas PEL 2020 PEL RELEVO creación de emprego para a mocidade

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP da convocatoria da liña de axudas PEL 2020 PEL RURINNOVA mocidade emprendedora

O Concello de Cedeira pon en marcha o seu primeiro de plan de igualdade

O goberno de Cedeira impulsa un Plan de Igualdade que estará activo este mesmo ano, co obxectivo de que “a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa real no municipio de Cedeira”, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude, Carmen Prieto Cal.

O proxecto, que estará vixente ata o ano 2024, dará lugar a un proceso participativo no que tomarán parte desde cargos políticos e persoal técnico municipal ata o tecido social e a comunidade educativa da localidade.

A creación dunha comisión de Igualdade e a constitución de tres mesas de traballo forman parte da metodoloxía deseñada pola cooperativa Arabías –adxudicataria do proxecto- para a elaboración deste plan, que vai recoller tanto a diagnose das necesidades como as propostas de acción, “para saber de onde partimos en materia de igualdade e darlles solucións a todas aquelas cuestións que nos podamos atopar”, apuntou a concelleira.

Carmela Prieto destacou esta acción de goberno por considerar que “é revelante coñecer a realidade que existe en Cedeira en cuestións de igualdade, tanto a nivel interno como cara á veciñanza”.

Arabías é unha cooperativa de traballo asociado especializada en deseñar e dinamizar procesos de investigación-acción que teñan como finalidade a transformación social.