Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Concello suma novas zonas cardio protexidas coa compra de catro desfibriladores máis

O goberno local de Cedeira acaba de investir 5.552 euros na compra de catro novos desfibriladores para diferentes espazos municipais, dando así un paso máis nunha campaña que xa iniciara no ano 2017 coa subministración dos dous primeiros, ao que sumou outro o pasado ano. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, entregou en días pasados dous destes desfibriladores á Asociación de Veciños de Piñeiro e ao local social de Saa, e informou de que os outros dous irán destinados á Casa do Concello, ao Auditorio Municipal, e aos antigos escolares de Saa e Figueiras.

O alcalde subliñou que Cedeira amplía as súas zonas cardio protexidas, ao sumar xa sete desfibriladores a disposición da poboación. Recordou que os dous primeiros foron para o campo de fútbol municipal do Beco e para o Polideportivo, e que o último, que o Concello incorporou o ano pasado, foi para o CEIP Nicolás do Río, onde estivo dispoñible para posibles urxencias na praia durante o verán.

“Os desfibriladores son equipamentos que poden ser vitais para a supervivencia dunha persoa no caso de parada cardiorespiratoria, de maneira que é evidente a importancia de contar con este recurso”, dixo o alcalde.

Cedeira compra 12 guindastres ortopédicos para mellorar o servizo de axuda no fogar

O Concello de Cedeira acaba de adquirir un total de 12 guindastres ortopédicos para “proporcionar comodidade a aquelas persoas enfermas con problemas de mobilidade e facilitar así mesmo o traballo ao persoal de axuda a domicilio”, segundo apuntou o rexedor municipal, Pablo Diego Moreda Gil.

Esta acción de goberno supuxo un desembolso de 9.900 euros (IVE incluído) e o subministro do material correrá a cargo da empresa Coloro SL, adxudicataria do contrato.

Trátase duns equipos moi útiles para o traslado de enfermos con dificultades de mobilidade, xa que permiten levantar e desprazar ás persoas dependentes practicamente sen esforzo e sen facerlles dano. O seu uso tamén contribúe a mellorar a saúde e prever lesións no lombo das súas coidadoras.

Este novo material súmase ás 17 camas xeriátricas que o Concello foi adquirindo nos últimos tres anos para ceder gratuitamente ás persoas e familias que as necesitan pero que non dispoñen de recursos para adquirilas.

Desde o Concello destácase o esforzo, tanto económico como de recursos, que se está a levar a cabo para dar unha prestación de calidade aos usuarios e usuarias do Servizo de Atención de Axuda no Fogar, atendendo as necesidades individuais de cada un dos enfermos.

A Xunta acaba de publicar no DOG as medidas de prevención que afectarán a toda Galicia

Atendendo á evolución da crise sanitaria, a Xunta acaba de publicar no DOG as medidas de prevención que afectarán a toda Galicia:

  • Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.
  • Discotecas e outros locais de lecer nocturno permanecerán pechados.
  • O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes, tanto entre os situados na barra como nas mesas ou agrupacións de mesas.
  • No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas.

Recoméndase:

  • Restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e limitar as reunións a un máximo de 10 persoas.

A presente orde producirá efectos desde as 00:00 h do 17 de agosto.

Na seguinte ligazón pode accederse ao texto íntegro da ORDE do 15 de agosto de 2020 publicada no DOG:

IR Á LIGAZÓN ORDE do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19