O Concello suma novas zonas cardio protexidas coa compra de catro desfibriladores máis
O goberno local de Cedeira acaba de investir 5.552 euros na compra de catro novos desfibriladores para diferentes espazos municipais, dando así un paso máis nunha campaña que xa iniciara no ano 2017 coa subministración dos dous primeiros, ao que sumou outro o pasado ano. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, entregou en días pasados dous destes desfibriladores á Asociación de Veciños de Piñeiro e ao local social de Saa, e informou de que os outros dous irán destinados á Casa do Concello, ao Auditorio Municipal, e aos antigos escolares de Saa e Figueiras.
O alcalde subliñou que Cedeira amplía as súas zonas cardio protexidas, ao sumar xa sete desfibriladores a disposición da poboación. Recordou que os dous primeiros foron para o campo de fútbol municipal do Beco e para o Polideportivo, e que o último, que o Concello incorporou o ano pasado, foi para o CEIP Nicolás do Río, onde estivo dispoñible para posibles urxencias na praia durante o verán.
“Os desfibriladores son equipamentos que poden ser vitais para a supervivencia dunha persoa no caso de parada cardiorespiratoria, de maneira que é evidente a importancia de contar con este recurso”, dixo o alcalde.