Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello colabora coa labor social e cultural dun total de nove asociacións de Cedeira

O Concello de Cedeira asinou convenios de colaboración con nove entidades locais por un importe conxunto de 69.300 euros. Son a Asociación Ecuestre A Crina (3.500 euros), a Asociación Benestar Animal Cedeira (ABAC)(8.000 euros), a Asociación de Padres e Amigos de Deficientes Mentales de la Escuela de Régoa (Apader)(10.000 euros), a Asamblea Local da Cruz Vermella (3.800 euros), a Asociación Mares de Cedeira (10.000 euros), a Asociación Sobre Rodas (6.000 euros), a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira (5.000 euros), a Agrupación de Voluntarios Protección Civil (18.000 euros) e a Asociación de Pais e Nais do CEIP Nicolás del Río (5.000 euros).

O obxectivo destas colaboracións é desde impulsar actividades relacionadas co mundo do cabalo ata promover a tenencia responsable de animais de compañía, pasando por contribuír á protección, atención e formación de persoas con alguna discapacidade psíquica, por garantir a cobertura de eventos, pola divulgación da cultura mariña e da música, así como por fomentar as actividades escolares e apostar pola eliminación das barreiras arquitectónicas, segundo pon de manifesto o goberno municipal.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou o importante papel que xogan as entidades na vida da localidade, “tamén nun ano tan difícil como este”. Explicou o compromiso do executivo municipal en seguir a apoiar e potenciar o labor social, cultural e educativo que desenvolven as asociacións, “nas que depositamos a nosa axuda e o noso compromiso para que as cousas funcionen”. Considera así mesmo o rexedor municipal que “para nós traballar cóbado o cóbado coas asociacións de Cedeira é moi importante e algo no que cremos firmemente” porque, segundo sublimou, “é o noso patrimonio e a nosa xente, a que voluntaria e desinteresadamente están a traballar polo benestar dos demais”.