Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira superará os 200 composteiros coa entrega de trinta novas unidades

O Concello de Cedeira, en colaboración con SOGAMA, avanza no Programa de Compostaxe Doméstico coa entrega gratuíta doutros 30 composteiros.

Sumando estes novos cos adquiridos directamente polo Concello, o goberno municipal leva xa distribuídas máis 200 unidades entre a veciñanza. Só no último ano foron 60 as familias que se incorporaron a un proxecto que botou andar hai catro anos.

Os responsables municipais animan aos veciños e veciñas a participar nunha iniciativa para a que é necesario residir no municipio, dispor, alomenos, dun pequeno xardín ou horta e tramitar o modelo de solicitude xa dispoñible na web municipal www.cedeira.gal.

DESCARGA MODELO DE SOLICITUDE/ENTREGA DE COMPOSTEIRO DOMÉSTICO

Dada a situación actual da COVID-19 e coa intención de facilitar os trámites, a solicitude pódese presentar por rexistro (de 9.00 a 14.00 horas), enviala debidamente cuberta por sede electrónica sede.cedeira.gal ou facela efectiva a través de correo electrónico correo@cedeira.gal. O prazo de presentación xa está aberto e terán prioridade aquelas familias que non teñan participado en anos anteriores.

Desde a área municipal de Medio Ambiente recórdase que os composteiros son resistentes á intemperie, fáciles de montar e de sinxelo mantemento e que, ademais, permiten un maior control das condicións idóneas para facer compost e evitan algunhas das molestias do proceso como cheiros ou roedores, entre outras. Tamén se informa de que este ano, xunto aos recipientes, o persoal técnico de SOGAMA impartirá un curso de compostaxe na casa coa intención de mellorar os coñecementos do proceso e de aclarar posibles dúbidas.

Por outra banda, se fan constar as vantaxes ambientais, económicas do compost e se valora a recuperación dun método tradicional para aproveitar residuos xerados na casa. Neste sentido, infórmase de que preto do 40% do lixo dos fogares son restos orgánicos que poden ser aproveitados para obter un abono natural rico en nutrientes.