Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

CURSO ONLINE “APRENDIZAXE DE CONVIVENCIA COA DEMENCIA”

O curso que é gratuito impartirase desde a asociación AFAL do 3 ao 7 de maio de luns a venres, de 12.00 a 13.00 horas. É un curso básico e específico sobre Alzheimer e outras demencias dirixido a coidadores/as e familiares de enfermos de alzheimer e outras demenzas.

Só sería necesario ter conexión a internet e un dispositivo desde o cal poder conectarse.

Para máis información e inscricións:

  • Teléfono: 981 370 692
  • Correo electrónico: afalferrolterra@afalferrolterra.com

Na seguinte ligazón podese descargar o programa do curso:
VER PDF Programa Curso Online “Aprendizaxe de convivencia coa demencia”

 

OS NOVOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PROTAGONIZAN O NOVO NÚMERO DO BOLETÍN “AS7PARROQUIAS”

O Concello de Cedeira vai distribuír estes días entre a veciñanza un novo número, o 17, do boletín “As7Parroquias”, no que informa das principais novidades e logros do traballo municipal nos últimos dous meses. Desta volta o boletín destaca na súa portada a aprobación dos novos orzamentos municipais, que poñen o acento no eido dos servizos sociais, e tamén o compromiso acadado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para retomar as xestións e poñer en marcha a ampliación do Centro de Saúde de Cedeira.

“As7parroquias” detalla tamén as obras que están en marcha ou que remataron recentemente, e os principais proxectos de investimento que se consignaron nas contas de 2021. Informa tamén da reserva de 70.000 euros para lanzar unha nova convocatoria de axudas municipais a empresas e autónomos, coa finalidade de paliar os efectos da pandemia, así como dos fondos adicados a sufragar actividades do tecido asociativo da vila.

A aprobación por primeira vez na historia de Cedeira duns orzamentos participativos, que se elaboraron por parte do alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira, e a moción unánime dos grupos municipais para cubrir o patio do Areal do CEIP Nicolás do Río son outros dos temas que aborda o boletín, no que tamén se dá conta da finalización da redacción do proxecto para a recuperación integral do curso medio do río Condomiñas.

A contraportada de “As7Parroauias” está adicada, como é habitual, ao tecido asociativo da localidade. Nesta ocasión ofrece unha reportaxe sobre ABAC, a Asociación de Benestar Animal de Cedeira, e o seu traballo polo control das colonias de gatos.

DESCARGA PDF Boletín “As7Parroquias”

OITOM, DÍA DAS MULLERES

Moito por cambiar, por mover, por concienciar, por educar, por entender, por compartir, por crear, por gozar, por vivir_

Este 8M, Día das Mulleres, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña promove unha serie de espazos en liña que nos convidan a atoparnos. Atoparnos para deternos e falar das dificultades que temos experimentado nestes tempos tan complexos e incertos marcados pola presenza da COVID-19; atoparnos para imaxinar colectivamente as respostas aos retos que atoparemos nos próximos meses e anos.

A pandemia, tanto o propio virus como as diferentes medidas tomadas polas administracións para a súa contención, está a afectar as nosas vidas de tal xeito que aínda non temos información suficiente para imaxinar as súas consecuencias a medio e longo prazo. Mais, no medio do baile de cifras e o ruído dos medios de comunicación, temos moita necesidade de integrar e compartir experiencias, analizando e poñendo consciencia sobre como esta realidade impacta de maneira diferencial nas vidas das mulleres.

Así, ao longo dun foro e tres conversas facilitadas en liña, reflexionaremos sobre os retos relacionados coa posición das mulleres na mercado laboral, co seu rol de principais responsables dos coidados e da sustentabilidade das vidas e sobre as interseccións da COVID-19 coas violencias machistas e os seus efectos específicos nos corpos e na saúde das mulleres. Tras a súa celebración en liña, estas conversas pasarán a formar parte dos recursos dispoñibles en aberto para a cidadanía dende a canle de Youtube da Deputación da Coruña.

Dirixida a profesionais do ámbito da igualdade nun sentido amplo (administración pública a todos os niveis; saúde; coidados; educación; terceiro sector; etc.) esta programación ten ademais por obxectivo fomentar o traballo en rede no ámbito local e provincial, esbozando colaborativamente as liñas estratéxicas do futuro dunhas políticas post-COVID que deberán integrar necesariamente a perspectiva de xénero. A participación nos diferentes espazos é aberta e gratuíta, mais precisa de inscrición previa a través do seguinte formulario i.gal/oitoM

Todo este proceso, xunto coas súas principais conclusións, será documentado xerando unha pequena publicación dixital que funcionará como inspiración, devolución e documento base para o traballo posterior. Por último, e no contexto deste mes de marzo tamén queremos apoiar á mocidade no seu papel como axente de cambio, facilitándolle a mozas e mozos ferramentas e referentes para xerar discursos alternativos dende os que fomentar a igualdade e actuar ante o machismo e a LGBTIfobia. Farémolo a través do deseño e difusión dun material didáctico que incorporará entrevistas en vídeo a mulleres referentes no cruce das TICs cos feminismos, animando á mocidade a xerar contido orixinal co que amplificar a conversa nas súas redes.