Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OITOM, DÍA DAS MULLERES

Moito por cambiar, por mover, por concienciar, por educar, por entender, por compartir, por crear, por gozar, por vivir_

Este 8M, Día das Mulleres, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña promove unha serie de espazos en liña que nos convidan a atoparnos. Atoparnos para deternos e falar das dificultades que temos experimentado nestes tempos tan complexos e incertos marcados pola presenza da COVID-19; atoparnos para imaxinar colectivamente as respostas aos retos que atoparemos nos próximos meses e anos.

A pandemia, tanto o propio virus como as diferentes medidas tomadas polas administracións para a súa contención, está a afectar as nosas vidas de tal xeito que aínda non temos información suficiente para imaxinar as súas consecuencias a medio e longo prazo. Mais, no medio do baile de cifras e o ruído dos medios de comunicación, temos moita necesidade de integrar e compartir experiencias, analizando e poñendo consciencia sobre como esta realidade impacta de maneira diferencial nas vidas das mulleres.

Así, ao longo dun foro e tres conversas facilitadas en liña, reflexionaremos sobre os retos relacionados coa posición das mulleres na mercado laboral, co seu rol de principais responsables dos coidados e da sustentabilidade das vidas e sobre as interseccións da COVID-19 coas violencias machistas e os seus efectos específicos nos corpos e na saúde das mulleres. Tras a súa celebración en liña, estas conversas pasarán a formar parte dos recursos dispoñibles en aberto para a cidadanía dende a canle de Youtube da Deputación da Coruña.

Dirixida a profesionais do ámbito da igualdade nun sentido amplo (administración pública a todos os niveis; saúde; coidados; educación; terceiro sector; etc.) esta programación ten ademais por obxectivo fomentar o traballo en rede no ámbito local e provincial, esbozando colaborativamente as liñas estratéxicas do futuro dunhas políticas post-COVID que deberán integrar necesariamente a perspectiva de xénero. A participación nos diferentes espazos é aberta e gratuíta, mais precisa de inscrición previa a través do seguinte formulario i.gal/oitoM

Todo este proceso, xunto coas súas principais conclusións, será documentado xerando unha pequena publicación dixital que funcionará como inspiración, devolución e documento base para o traballo posterior. Por último, e no contexto deste mes de marzo tamén queremos apoiar á mocidade no seu papel como axente de cambio, facilitándolle a mozas e mozos ferramentas e referentes para xerar discursos alternativos dende os que fomentar a igualdade e actuar ante o machismo e a LGBTIfobia. Farémolo a través do deseño e difusión dun material didáctico que incorporará entrevistas en vídeo a mulleres referentes no cruce das TICs cos feminismos, animando á mocidade a xerar contido orixinal co que amplificar a conversa nas súas redes.