Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SÚMASE Á CAMPAÑA DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL “OITOM MOITO POR CAMBIAR”

O Concello de Cedeira vai celebrar o Día Internacional da Muller, neste ano atípico, cun sinxelo acto no Auditorio Municipal, o vindeiro luns ás 17.30 horas, no que se entregará o Premio Muller da Vila e se fará a lectura do manifesto da administración municipal a prol da igualdade de xénero. Segundo informou o goberno local, o Concello súmase neste 2021 á campaña promovida pola Deputación Provincial da Coruña baixo o lema “OitoM Moito por cambiar”, que xira en torno ás moitas reivindicacións feministas que aínda quedan por conquistar e que aposta polo traballo en rede para impulsar unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Como en anos anteriores, o Concello de Cedeira vai aproveitar a data do 8M para difundir, en colaboración coas bibliotecas do CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira, unha relación de lecturas recomendadas para entender e defender o feminismo.

Como xa se informou en días pasados, o Premio Muller da Vila, que cada ano concede nesta data a Asociación de Mulleres da Vila é neste 2021 para as traballadoras que se ocupan, tanto desde o Concello como a través das empresas contratatadas para elo, dos Servizos Sociais e da Atención no Fogar. A entidade quere recoñecer o grande esforzo que fixeron para manter os coidados dos maiores e dependentes nas complicadas circunstancias desta pandemia, na que quedou claro que son “esenciais” para moitas familias.

E no marco dos actos do 8M está tamén a programación, para o vindeiro día 13, do espectáculo de danza contemporánea “Plastic”, a cargo da compañía TrasPediante. Ese “plastic” fai alusión ás bonecas Barbies de plástico e ao seu modelo de muller perfecta, na que o contedor é máis importante que o contido. A bailarina Paula Quintas pon en escea esta coreografía, dirixida por Rut Balbis e dirixida a un público adulto. As persoas interesadas en asistir poden reservar xa as entradas, dirixindo un correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal ou ben enviando un whatsapp ao número 649876614 eb horario de 09.00 a 14.00horas. Haberá que indicar o nome das persoas que asistirán e facilitar un número de teléfono de contacto.