O CONCELLO DE CEDEIRA CONVOCA PARA O DÍA 9 A ASEMBLEA DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS COA MOCIDADE
O goberno municipal de Cedeira convoca para o vindeiro día 9 a asemblea de debate e votación dos primeiros orzamentos participativos da vila, unha experiencia piloto que está a protagonizar o alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que nos presupostos deste ano 2021, aprobados polo pleno da corporación hai poucos días, está reservada a partida de 20.000€ para executar a proposta que saia aprobada deste proceso e felicitou aos mozos e mozas pola implicación e interese que teñen posto na experiencia, desde que comezou en novembro pasado.
O proceso comezou con varias sesións de traballo nas tres aulas de 4º da ESO nas que se realizou un diagnóstico de necesidades do municipio, como paso previo á elaboración de propostas de intervención nas distintas áreas de xestión local. Finalmente, o alumnado redactou 15 iniciativas nas áreas temáticas de Urbanismo, Deportes, Cultura, Turismo e Servizos Sociais.
Durante as sesións nas aulas, traballouse sobre o funcionamento do Concello, a súa estrutura e organización interna, competencias e servizos básicos, investigando sobre os programas dispoñibles e equipamentos municipais. Na elaboración de proxectos, o alumnado debateu sobre a necesidade que cubrirían as novas iniciativas, os colectivos aos que ían dirixidas, o impacto sobre o territorio, gastos e medios necesarios, etc. Para o asesoramento técnico do proceso, o Concello contou cunha asistencia técnica, que elaborou os contidos do proceso participativo, guionizando as etapas e facilitando a interlocución e o contraste de información entre o IES Punta Candieira e a administración local.
A pandemia afectou ao formato deste proceso participativo e ao seu ritmo, tendo que adaptar o calendario aos períodos de confinamento e realizando algunhas xuntanzas en liña, como a presentación do alcalde do Concello de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, que lles daba a benvida a través de vídeo-gravacións explicando a estrutura do administración municipal ou a próxima sesión de votación de propostas, que terá que realizarse en liña entre os tres grupos de alumnado.
Durante o desenvolvemento da iniciativa, a mocidade realizou un labor de investigación moi acaído á realidade local e formulou propostas moi sensatas. De feito, das 15 iniciativas que presentou ao Concello, 11 foron analizadas positivamente por parte do persoal técnico municipal, xa que entran dentro da competencia municipal e son viables técnica, económica e xuridicamente. Trátase das seguintes propostas que suman, en total, un montante de 152.500 €, e que teñen un custe que oscila entre os 2.000 € ate os 20.000 €. Serán defendidas dende cada aula, en conexión en liña, o próximo 9 de marzo:
Así, o alumnado terá que argumentar os beneficios de cada unha das ideas ante o resto, participando un total de 66 rapaces e rapazas. O proceso de votación estableceuse mediante un sistema de puntos, para dar a opción a poder decantarse por varias propostas, establecendo prioridades.
No caso de non poder participar dende a aula ese mesmo día, o proceso contempla que poidan facelo dende o seu domicilio, exercendo o seu voto por e-correo, ou mesmo a defensa da proposta, de ser o caso. Os votos por correo sumaranse ao reconto presencial, unha vez celebrada a asemblea no propio centro.
O proceso de participación terá continuidade, co co-deseño e concreción da proposta ou propostas aprobadas, en colaboración co persoal técnico municipal, e será presentado ante o Pleno Municipal para a súa aprobación definitiva, asumindo o compromiso orzamentario. Tanto o IES como o Concello de Cedeira están a traballar na avaliación desta experiencia piloto, para proseguir durante o curso 2021/2022.