O CONCELLO CELEBRA QUE O PREMIO “MULLER DA VILA” RECAIA SOBRE AS TRABALLADORAS DOS SERVIZOS SOCIAIS
O Concello de Cedeira celebra que a Asociación de Mulleres da Vila teña decidido entregar o seu premio con motivo do 8M ao colectivo de traballadoras que se ocupan no municipio dos Servizos Sociais, tanto ao persoal municipal que xestiona este departamento como ás mulleres que se ocupan do Servizo de Axuda no Fogar. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou tamén o seu agradecemento e sumou o recoñecemento do Concello ás persoas que prestan este servizo tan importante e que “fixeron un esforzo enorme para manter a atención durante a pandemia, en circunstancias moi difíciles, sen decaer na atención a maiores e dependentes”.
O premio Muller da Vila de Cedeira, que chega este ano á súa cuarta edición, recaeu no ano 2018 en Lucía Martínez Vilar, entón a patroa maior da Confraría; no 2019 foi para Antonia Rodríguez Díaz, destacada loitadora contra as drogodependencias; e o ano pasado concedeuse a Guadi Galego. O acto de entrega en 2020 tivo que ser suspendido, por mor do confinamento, e este ano a asociación non ten de momento decidido se programará algún evento. O que si determinou é quen vai recibir o seu recoñecemento, desta volta o colectivo responsable dos Servizos Sociais na localidade.
Tal como anunciou a asociación a través das súas redes sociais, a pandemia amosou o que é verdadeiramente importante e significou aqueles traballos que non poden facerse a distancia. Desde a entidade apuntan que o labor dos Servizos Sociais e do Servizo de Axuda a Domicilio é sempre fundamental e indispensable, pero “durante este tempo foino aínda máis”.