Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

A partir de mañá poden solicitarse as subvencións municipais para clubs e entidades deportivas correspondentes ao 2020

Desde mañá martes 4 de agosto e ata o próximo 24 do mesmos mes, os clubs e entidades deportivas inscritas no rexistro municipal de asociacións do Concello de Cedeira poderán presentar a súa solicitude de subvención tanto para investimentos como para actividades para o ano 2020.

As subvencións para actividades teñen como finalidade apoiar e mellorar a práctica deportiva dos clubs e entidades deportivas, subvencionando os programas de actividades deportivas a desenvolver, referidos a proxectos de iniciación deportiva, fomento da práctica e competición deportiva; podendo consistir en programas, eventos ou competicións deportivas concretas ou na actividade ordinaria anual do club ou entidade deportiva solicitante.

Pola súa banda, as axudas para investimentos teñen como finalidade apoiar e mellorar a práctica deportiva dos clubs e entidades deportivas subvencionando investimentos de natureza inventariable tales como inmobles, mobles ou outros susceptibles de inventario cun custo superior a 100,00 €. O obxecto do investimento deberase manter no inventario da entidade ou asociación beneficiaria durante un mínimo de dous anos, contando dende o momento da súa adquisición.

O procedemento asignado para a concesión das distintas solicitudes tanto para as subvencións de actividades como de investimentos será en réxime de concorrencia competitiva, mediante a aplicación dos criterios de concesión que se desenvolven nas bases e que son: o fomento do coñecemento do deporte base, fomento da participación feminina no deporte, organización de actividades, torneos, eventos, etc., antigüidade do club, número de deportistas que compoñen o club ou entidade deportiva, número de técnicos deportivos titulados e acreditados., menor importe da cota mensual, emprego da lingua galega , e compromiso de colaborar coa Concellería de Servizos Sociais para que ningún menor en risco de exclusión social quede fóra dos clubs ou entidades deportivas por razóns económicas.

Nas seguintes ligazóns poden descargarse as bases das axudas publicadas que inclúen os anexos coas solicitudes e demais documentación requerida:

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras para a concesión de subvencións para actividades a clubs e entidades deportivas de Cedeira para o exercicio 2020

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras para a concesión de subvencións para investimentos a clubs e entidades deportivas de Cedeira para o exercicio 2020

Consulta pública para a fixación do prezo para a prestación de campamentos e actividades de conciliación

O goberno municipal de Cedeira, dadas as circunstancias actuáis e considerando que a falta de campamentos de conciliación durante este verán suporía unha importante merma para os veciños de Cedeira nun momento especialmente difícil para toda a poboación, decidiuse á realización dun campamento e outras actividades dirixidas á poboación infantil a fin de posibilitar a conciliación da vida familiar e persoal e a vida laboral.

Co obxectivo de garantir a participación dos cidadáns do texto regulador do prezo público pola asistencia aos campamentos e demáis actividades dirixidas á poboación infantil organizados polo Concello para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar coa vida laboral, e en cumprimento do disposto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas – LPACAP-, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil vén de publicar una providencia de alcaldía onde substánciase unha consulta pública previa para solicitar a opinión dos cidadáns e das organizacións máis representativas que potencialmente se poidan ver afectados pola mesma, sobre una serie de aspectos como son os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

No presente caso considérase unha duración de cinco días hábiles para que para que cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poidan facer chegar as súas opinións a través do rexistro.

Na seguinte ligazón pode consultarse o texto íntegro da providencia da Alcaldía:

DESCARGAR PDF Providencia de Alcaldía consulta prezo público campamento e actividades de conciliación.

O pleno aprobou o orzamento municipal para este ano, que supera os 6 millóns de euros

O goberno de Cedeira xestionará este ano un orzamento de 6.299.684,12 euros, o que representa un incremento do 11,88% con respecto ao agora vixente (de 5. 630.601euros).

O asunto resultou aprobado na sesión celebrada o xoves pola corporación municipal e saíu adiante cos votos a favor do executivo local e coa abstención do PP e do BNG, un xesto que agradeceu o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, por entender que “todos estamos a traballar na mesma liña nun proxecto social de recuperación para as nosas familias que, por suposto, tamén é o proxecto de todos os partidos que formamos parte da corporación municipal”.

O rexedor municipal destacou así mesmo o traballo que fixo o equipo de goberno á hora de elaborar un orzamento “pensado para cubrir as necesidades sociais dos veciños/as e destinado a axudar ás persoas máis vulnerables e aos sectores máis prexudicados economicamente polo coronavirus. De feito, “as contratacións para persoal de atención ao servizo de axuda no fogar incrementouse máis de 80.000 euros con respecto ao ano pasado para atender aos máis dependentes”, segundo o executivo local. Un plan para combater a emerxencia social de 50.000 euros e outro de 150.000 para axudar a todas aquelas empresas e autónomos que viron a súa actividade paralizada pola pandemia están xa recollidos no documento aprobado o día 4. A dinamización do comercio e da hostalería de Cedeira tamén é outra das prioridades do goberno local e boa mostra diso é o proxecto de dinamización que o goberno prevé contratar en xullo coa entrada en vixencia dos orzamentos agora aprobados.

O goberno cedeirense manterá así mesmo unha política continuísta con respecto ao investimento en saneamento, con preto de 368.000 euros, e tamén no relativo á optimización do sistema de alumeado público, tanto na zona rural como na vila, cun gasto superior aos 143.000 euros para este ano. Adaptar o antigo pazo de Moscoso para acoller dependencias municipais e destinar máis de 100.000 euros á mellora de pistas municipais e desbroces son outros investimentos previstos polo executivo para este 2020, así como a contratación dun Plan de Igualdade e un proxecto de orzamentos participativos para a mocidade. Para este último, o equipo de goberno traballará conxuntamente co alumnado do IES Punta Candieira.

Haberá novos investimentos para continuar coas excavacións no xacemento do Sarridal -un a cargo do Concello e outro financiada para Xunta de Galicia- e, no relativo ao capítulo das subvencións de libre concorrencia para fomentar a cultura e deporte, no documento contable figuran as mesmas cantidades orzamentadas que ano pasado. En canto as axudas directas serán percibidas pola Escola de Música, Museo Mares de Cedeira, Apader, Agrupación local da Cruz Vermella, Asociación sobre Rodas, Asociación polo Benestar Animal (ABAC), Asociación Ecuestre “A crina”, Protección Civil, ANPAs Picapeixe e O beco, Asociación Amigos dos Ríos e Banda de Música Vila de Cedeira. Entre unhas e outras o Concello de Cedeira repartirá un total de 188.300 euros.

Con respecto ao capítulo de ingresos consignase unha baixada de 106.000 euros na recadación dos impostos directos (un 5,05%) pola a parálise da actividade económica pero, polo contrario, aumenta en 124.876,38 euros as transferencias correntes. Nelas se inclúen as achegas da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 e as destinadas á execución de obras. Estas últimas incrementanse un 75,64% respecto ao 2019.