Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O CONCELLO DE CEDEIRA CONVOCA PARA O DÍA 9 A ASEMBLEA DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS COA MOCIDADE

O goberno municipal de Cedeira convoca para o vindeiro día 9 a asemblea de debate e votación dos primeiros orzamentos participativos da vila, unha experiencia piloto que está a protagonizar o alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que nos presupostos deste ano 2021, aprobados polo pleno da corporación hai poucos días, está reservada a partida de 20.000€ para executar a proposta que saia aprobada deste proceso e felicitou aos mozos e mozas pola implicación e interese que teñen posto na experiencia, desde que comezou en novembro pasado.

O proceso comezou con varias sesións de traballo nas tres aulas de 4º da ESO nas que se realizou un diagnóstico de necesidades do municipio, como paso previo á elaboración de propostas de intervención nas distintas áreas de xestión local. Finalmente, o alumnado redactou 15 iniciativas nas áreas temáticas de Urbanismo, Deportes, Cultura, Turismo e Servizos Sociais.

Durante as sesións nas aulas, traballouse sobre o funcionamento do Concello, a súa estrutura e organización interna, competencias e servizos básicos, investigando sobre os programas dispoñibles e equipamentos municipais. Na elaboración de proxectos, o alumnado debateu sobre a necesidade que cubrirían as novas iniciativas, os colectivos aos que ían dirixidas, o impacto sobre o territorio, gastos e medios necesarios, etc. Para o asesoramento técnico do proceso, o Concello contou cunha asistencia técnica, que elaborou os contidos do proceso participativo, guionizando as etapas e facilitando a interlocución e o contraste de información entre o IES Punta Candieira e a administración local.

A pandemia afectou ao formato deste proceso participativo e ao seu ritmo, tendo que adaptar o calendario aos períodos de confinamento e realizando algunhas xuntanzas en liña, como a presentación do alcalde do Concello de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, que lles daba a benvida a través de vídeo-gravacións explicando a estrutura do administración municipal ou a próxima sesión de votación de propostas, que terá que realizarse en liña entre os tres grupos de alumnado.

Durante o desenvolvemento da iniciativa, a mocidade realizou un labor de investigación moi acaído á realidade local e formulou propostas moi sensatas. De feito, das 15 iniciativas que presentou ao Concello, 11 foron analizadas positivamente por parte do persoal técnico municipal, xa que entran dentro da competencia municipal e son viables técnica, económica e xuridicamente. Trátase das seguintes propostas que suman, en total, un montante de 152.500 €, e que teñen un custe que oscila entre os 2.000 € ate os 20.000 €. Serán defendidas dende cada aula, en conexión en liña, o próximo 9 de marzo:

Así, o alumnado terá que argumentar os beneficios de cada unha das ideas ante o resto, participando un total de 66 rapaces e rapazas. O proceso de votación estableceuse mediante un sistema de puntos, para dar a opción a poder decantarse por varias propostas, establecendo prioridades.

No caso de non poder participar dende a aula ese mesmo día, o proceso contempla que poidan facelo dende o seu domicilio, exercendo o seu voto por e-correo, ou mesmo a defensa da proposta, de ser o caso. Os votos por correo sumaranse ao reconto presencial, unha vez celebrada a asemblea no propio centro.

O proceso de participación terá continuidade, co co-deseño e concreción da proposta ou propostas aprobadas, en colaboración co persoal técnico municipal, e será presentado ante o Pleno Municipal para a súa aprobación definitiva, asumindo o compromiso orzamentario. Tanto o IES como o Concello de Cedeira están a traballar na avaliación desta experiencia piloto, para proseguir durante o curso 2021/2022.

O PLENO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO DE 2021, QUE ASCENDE A MÁIS DE 6,3M€

O pleno da corporación de Cedeira deu onte luz verde, nunha sesión extraordinaria celebrada telematicamente, ao orzamento de 2021, que ascende a 6.315.212,13€ e representa un incremento, respecto ao anterior, dun 0,25%. O presuposto recibiu o voto a favor do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou destas contas “que reflicten a nosa vontade de estar preto da cidadanía e apoiar ás familias e ás empresas que o precisan nestes tempos complicados”.

O alcalde destacou que os fondos destinados a servizos sociais ascenden este ano a 1.080.000€, de xeito que se incrementa de novo neste exercicio o esforzo do goberno local neste eido. O orzamento reserva tamén unha partida de 70.000€ para cumprir o compromiso de facer unha nova convocatoria de axudas directas para as empresas e autónomos e contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria.

O Concello de Cedeira renova neste orzamento o seu compromiso co tecido asociativo da vila. Así, están contempladas as subvencións nominativas á Escola de Música Vila de Cedeira, asociación ecuestre A Crina, asociación Mares, Amigos dos Ríos, Banda de Música, as ANPAs Picapeixe e O Beco, a asociación San Andrés de Teixido, Protección Civil, Cruz Roja, ANPA de Apader, Sobre Rodas e ABAC, entidades ás que desde o goberno se quere recoñecer o seu importante traballo, fundamental na dinamización da vida social e cultural da localidade. Inclúense nas contas tamén, con partidas que suman 42.000€, as convocatorias que fai cada ano o Concello en réxime de concorrencia competitiva para actividades e entidades deportivas e culturais.

Segundo explicou o alcalde, a evolución da pandemia determinará, máis adiante, se o Concello pode organizar as actividades de tipo deportivo e cultural que se suspenderon a raíz do covid.19. Puntualizou, con todo, que aínda que as partidas de gastos non estean concretadas no orzamento, o goberno local tivo en conta estas circunstancias e dispón dos fondos que no seu caso poderían destinarse a poñelas en marcha.

O capítulo de investimentos está dotado neste ano 2021 con 1.159.849,33€, cos que se van levar a cabo, entre outros, os seguintes proxectos:

  • Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa.
  • Consolidación e reparación da cuberta dos escolares de Saa e Silsalde Maior.
  • Conservación do firme na Avenida de España e o camiño Pitilleira.
  • Reforma integral da Praza de Galicia.
  • Mellora de beirarrúas na Avenida de España, Rúa Ponte Nova e outras.
  • Ampliación do saneamento nas Pontigas.
  • Pista de skate e tirolina no Parque Camiño Real da Madalena.

Neste mesmo capítulo de investimentos, cómpre sinalar que o Concello reserva fondos para unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Sarridal, así como para proseguir co plan de recuperación de fontes e lavadoiros e para diferentes actuacións de mellora medioambiental, como a compra e plantación de árbores ou a mellora da eficiencia enerxética.

Están tamén previstos, para este exercicio 2021, a execución dos primeiros orzamentos participativos da historia de Cedeira, cunha partida de 20.000€. O seu destino será decidido, a través dun proceso que xa está en marcha, polos alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Cedeira.

Moreda Gil amosou a súa satisfacción pola aprobación do novo orzamento, ferramenta básica para proseguir co proxecto social e de progreso do goberno local, e apuntou que coa liquidación do presuposto de 2020 e á vista dos remanentes poderán acometerse outras actuacións que non tiveron cabida neste proxecto contable.

O CONCELLO AGRADECE A PARTICIPACIÓN E O BO HUMOR AMOSADO POLA VECIÑANZA NO VÍDEO DO ENTROIDO 2021

O Concello acaba de publicar na súa canle de Youtube o vídeo do Entroido 2021, realizado coas fotografías aportadas nos últimos días pola veciñanza. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu a alta participación e o bo humor amosado por todos e todas na celebración deste Entroido de portas para dentro, ao tempo que recoñeceu o esforzo que está a realizar a cidadanía de Cedeira para cumprir as medidas de prevención e evitar novos contaxios.

Unha colorida “peixeira” con anteface abre o vídeo, no que participan pequenos e maiores da vila, vestidos con diferentes disfraces ou coas mans metidas na masa, facendo freixós, rosquillas, orellas… A montaxe recolle tamén fotografías do Entroido no colexio e instantáneas en cor “sepia” da celebración de hai anos, así como vídeos nos que con moita sorna se practica o esquí, se vai de romería ou se toma un baño de sol… dentro da casa.

Enlace ao vídeo: