Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

ADXUDICADO POR PRETO DE 40.000€ O NOVO ASCENSOR ELÉCTRICO PARA O AUDITORIO MUNICIPAL DE CEDEIRA

A Xunta de Goberno Local de Cedeira aprobou a contratación do novo ascensor para o Auditorio Municipal por un orzamento de 39.905,80€ (IVE incluído). É un investimento que o Concello vai financiar a través do Fondo de Compensacion Ambiental e que repercutirá, ademais de ter un equipamento máis moderno e fiable, nunha maior eficiencia enerxética e na redución da contaminación.

Así, con este contrato substituirase o actual ascensor hidráulico por outro eléctrico e con capacidade para oito persoas. Evitaranse as frecuentes avarías e fallos que ten o elevador, dado que o novo modelo permite o mantemento preditivo, e reducirase o consumo enerxético. Será tamén máis rápido, polo que axilizará a accesibilidade dun edificio con seis andares e que ten unha grande afluencia diaria.

Gran parte dos problemas que rexistra o equipamento actual son resultado das inundacións que se producen no soto do inmoble cando vai moita choiva. O proxecto anula o acceso ao elevador desde este andar, aproveitando o oco para instalar alí a nova maquinaria.

CEDEIRA TEN TEATRO E CINE ESTA FIN DE SEMANA, DE NOVO DA MAN DOS CICLOS FUSA GUILLÉN E MESTRE MATEO

O municipio de Cedeira reparte de novo a súa axenda cultural desta fin de semana entre o teatro afeccionado e o cine. O Auditorio Municipal acollerá o sábado ás 20.00 horas a segunda función do ciclo Fusa Guillén, que ofrecerá a compañía ferrolá Romaría Teatro, e o domingo, ás 18.00, o pase da película de animación infantil “Valentina”, no marco do ciclo Mestre Mateo.

O grupo Romaría Teatro xurdiu dun programa de teatro veciñal que impulsou o Concello de Ferrol. A actriz Helga Méndez impartiu talleres de dramaturxia en diferentes parroquias rurais e neles naceron varios grupos que estrearon no pasado mes de xullo as súas primeiras montaxes. Unha delas é “Retratos no Camiño”, que este sábado leva a Cedeira a compañía formada por veciños e veciñas da zona de Serantes. A peza percorre personaxes e vidas desta parroquia a través de Serafín Lorenzo, un fotógrafo que foi máis coñecido no lugar como “Cazolitos” e que andaba polos camiños retratando ás xentes e os seus traballos, o tempo de lecer, os espazos de xuntanza…

Xa o domingo, Cedeira ten unha nova cita coa segunda edición do ciclo de cine en galego Mestre Mateo, que leva por Galicia as películas premiadas e nominadas no famoso certame. A localidade cedeiresa é unha das cinco na provincia da Coruña pola que itineran as películas. Desta volta é a quenda de “Valentina”, unha longametraxe de animación dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro que gañou en 2022 o premio Goya na súa categoría e que foi finalista no certame do cine galego.

A película está protagonizada por unha nena, Valentina, que soña con ser trapecista pero que pensa que non poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa sempre a perseverar, di que se os vermes logran converterse en bolboretas, nada é imposible. Ela non está moi convencida, pensa en como será esa metamorfose da que lle fala a avoa. Xusto cando vai preguntar, Papá e Mámá danlle unha desconcertante noticia. A avoa marchou de viaxe.

Tamén no Auditorio desenvolverase outra cita, este venres día 20, ás 20.00 horas. Terá lugar a presentación do libro “Cogomelos da comarca de Ortegal” por parte do seu autor, José Luis Cuba Crespo.

O CONCELLO INVISTE CASE 20.000€ NOS APARATOS PARA MELLORAR O EQUIPAMENTO DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de contratar a subministración de máquinas de musculación para o ximnasio municipal e a súa instalación por valor de 19.998,88€ (IVE incluído). Mercaranse diferentes aparatos que mellorarán o equipamento dispoñible para os adestramentos, cumprindo así co proxecto de Orzamentos Participativos aprobado polo pleno da corporación o pasado mes de maio.

O goberno local conta cunha axuda de 10.000€, xestionada diante da Secretaría Xeral para o Deporte e que vai cubrir a metade do investimento. Segundo a resolución da subvención, a adminstración autonómica aporta 5.882€ con cargo ao exercicio 2023 e os restantes 4.118€ corresponderán ao de 2024. Concretamente, adícanse 17.711€ á compra dos aparatos e preto de 2.300€ á instalación dos mesmos.

A lista da compra abrangue máquinas multipress, apertura e deltoides, femoral-extensións, prensa horizontal, dorsais-remo medio, abdutor-adutor, glúteo e functional trainer, segundo o aprobado nos Orzamentos Participativos xurdidos do proceso democrático que no pasado curso protagonizou o alumnado de terceiro de ESO do IES Punta Candieira.

Cómpre recordar que actualmente están en proceso de contratación as obras de ampliación do ximnasio municipal, que ocupa un espazo contiguo á pista multideporte do Pavillón Municipal. O Concello conta cun orzamento de preto de 62.000€ para esta actuación, coa que o espazo pasará dos 83 metros cadrados actuais aos 119 en total, permitindo a instalación dun equipamento máis completo e variado.