Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CITA ESTA FIN DE SEMANA COA RAPA DA CAPELADA

Os “besteiros” da Capelada teñen todo preparado para celebrar esta fin de semana a tradicional rapa, un costume ancestral que consiste en reunir os cabalos que pastan ceibes pola serra para rexistralos, desparasitalos e cortarlles as crinas. A asociación San Andrés Eventos conta co apoio do Concello de Cedeira para organizar o programa de actos, que comezará xa o sábado pero que terá a cita máis importante na mañá do domingo, cando se reúnen as bestas e se conducen ao curro.

O sábado farase xa o rexistro e desparasitado dos animais e a xornada rematará cunha ceabaile amenizada pola cantante Marisol Novo. A partir das dez da mañá do domingo comezará a baixada das bestas, que serán conducidas ao curro. Alí, os besteiros irán collendo os animais para cortarlles as crinas, diante do público que asistirá desde as bancadas. É un evento que cobrou particular interese o ano pasado grazas á estrea da serie “Rapa”, rodada en Cedeira e que retrataba este particular espectáculo. A asociación San Andrés Eventos ten colocado indicacións para facilitar a afluencia do público ao curro.

Por outra parte, a actriz compostelá Greta Marí (Santiago, 1987) leva este sábado ao Auditorio de Cedeira o seu espectáculo “The Great Greta”, unha peza multidisplinar para o público adulto na que combina danza, humor e circo e que define como unha “oda á xente rara”. Baixo a dirección de Paula Quintas, a creadora e protagonista da obra recrea algúns aspectos da súa propia vida con outros alleos nunha montaxe na que a iluminación e a música son elementos narrativos fundamentais. As entradas custan 2,5€ e poden reservarse anticipadamente ou ben comprarse antes da función na billeteira. A función será ás 20.30h.

Greta Marí estreou recentemente o seu primeiro espectáculo en solitario en Santiago. É licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte na especialidade de Danza e graduada en Expresión Corporal pola Facultade de Motricidade Humana de Lisboa. A súa traxectoria como actriz estivo centrada na danza e no circo, cun dúo cómico, un espectáculo de acrobacias e outras experiencias que fusionaban diferentes artes escénicas.

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA POR MÁIS DE 98.000€ A AMPLIACIÓN DA REDE DE SANEAMENTO NAS PONTIGAS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou na reunión celebrada o pasado venres a adxudicación da obra de ampliación da rede de saneamento nas Pontigas. O proxecto executarase por un presuposto de 98.364,34€ e servirá para darlle servizo a máis de trinta vivendas dos núcleos das Pontigas e Pardiñeira, ampliando a rede que xa se instalara con anterioridade e que conta cunha nova depuradora ecolóxica e un colector xeral.

A extensión do saneamento instalarase por pistas situadas ao norte e ao sur da estrada DP-2206 terá sete colectores e catro novos pozos de rexistro e enganchará ao antedito colector xeral. A nova rede abranguerá seis ramais que suman máis dun quilómetro e medio de percorrido. Tres deles sitúanse ao norte da estrada provincial DP-2206: un de 420 metros, outro de 50 metros e outro que vai nun tramo principal pola marxe esquerda da citada estrada e que ten outro tramo que vai pola marxe dereita, sumando 350 metros. Os outros tres suman 350 metros por un lado e 285 metros por outro, en ramais que discorren entre A Pardiñeira e As Pontigas, e 50 metros máis doutro que está en Pardiñeira.

O Concello de Cedeira conta con fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para levar adiante este proxecto, co que se avanza no proceso de levar a rede de saneamento ás zonas rurais. O prazo de execución das obras é de catro meses.

 

O CONCELLO APROBA A CONCESIÓN DE 120.000€ A 15 ASOCIACIÓNS SOCIOCULTURAIS E 9 CLUBS DEPORTIVOS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou, na súa sesión do pasado venres, a concesión das subvencións para entidades socioculturais e deportivas do municipio. En total, repártense polo sistema da concorrencia competitiva, segundo a aplicación de criterios obxectivos, 120.000€ entre 15 asociacións socioculturais e 9 clubs deportivos, unha contía que se incrementou un 66% respecto á do exercicio anterior.

En ambas as dúas convocatorias reserváronse 45.000€ para actividades e 15.000€ para investimentos. Así, no eido sociocultural, os fondos repartíronse da seguinte maneira:

-Sociedade Artística Eixil: 3921,64€ para actividades e 1.508,45€ para investimento.

-Asociación de Veciños de Cervo (Tarroiba): 3.250,13€ (actividades) e 1.250,15€ (investimento).

-Asociación de Patchwork: 2954,66€ para actividades.

-Mulleres da Vila: 3330,71€ (actividades) e 1281,15€ (investimento).

-Rondalla de Cedeira: 2660€ (actividades) e 600€ (investimento).

-Asociación de Maiores: 2954,66€ (actividades).

-AVV San Xulián de Montoxo: 1.500€ (actividades) e 1.053€ (investimento).

-AVV San Román: 2954,66€ (actividades) e 1.136,50€ (investimento).

-Discalzos polo Festival: 2954,66€ (actividades) e 1136,50€ (investimento).

-AVV de Piñeiro: 3142,68€ (actividades) e 1208,82€ (investimento).

-Cedeira en Pé: 3223,27€ (actividades) e 700€ (investimento).

-Asociación de Acordeóns de Cedeira: 3008,38€ (actividades) e 1157,16€ (investimento).

-Asociación Cultural Buxainas: 4324,55€ (actividades) e 1663,42€ (investimento).

-AVV Santa María de Régoa: 3.000€ (actividades) e 1270,81€ (investimento).

-Asociación Cultural As Aturuxeiras: 1820€ (actividades) e 1033,18€ (investimento).

Pola súa banda, no eido deportivo repartíronse igualmente un total de 60.000€ entre os apartados de actividades e investimentos en material inventariable. As axudas corresponderon aos seguintes clubs:

-Club Remo Cedeira: 6459,93€ (actividades) e 2341,52€ (investimentos).

-Cedeira Tenis Club: 6.085,44€ (actividades) e 2205,78€ (investimentos).

-Cedeira SD: 5898,19€ (actividades) e 2137,91€ (investimentos)

-Cedeira Basket Club: 5945,01€ (actividades) e 2154,87€ (investimentos).

-Club Natación Cedeira: 7677,02€ (actividades) e 2782,67€ (investimentos).

-Sociedade de Caza e Pesca: 3698,07€ (actividades) e 1340,43€ (investimentos).

-Discalzas SD: 4000€ (actividades).

-Club de Baile Street Dance: 3.136,34€ (actividades) e 1136,82€ (investimentos).

-Club Buceo: 2100€ (actividades) e 900€ (investimentos).

Segundo informou o goberno municipal, ao tempo que se aprobaron as axudas deuse luz verde a que todas estas entidades cobren o anticipo do 100% coa retención do 30%, segundo establecen as bases reguladoras, para que teñan máis facilidade para desenvolver as súas actividades e facer os correspondentes investimentos, que logo deberán xustificar.