Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CITA ESTA FIN DE SEMANA COA RAPA DA CAPELADA

Os “besteiros” da Capelada teñen todo preparado para celebrar esta fin de semana a tradicional rapa, un costume ancestral que consiste en reunir os cabalos que pastan ceibes pola serra para rexistralos, desparasitalos e cortarlles as crinas. A asociación San Andrés Eventos conta co apoio do Concello de Cedeira para organizar o programa de actos, que comezará xa o sábado pero que terá a cita máis importante na mañá do domingo, cando se reúnen as bestas e se conducen ao curro.

O sábado farase xa o rexistro e desparasitado dos animais e a xornada rematará cunha ceabaile amenizada pola cantante Marisol Novo. A partir das dez da mañá do domingo comezará a baixada das bestas, que serán conducidas ao curro. Alí, os besteiros irán collendo os animais para cortarlles as crinas, diante do público que asistirá desde as bancadas. É un evento que cobrou particular interese o ano pasado grazas á estrea da serie “Rapa”, rodada en Cedeira e que retrataba este particular espectáculo. A asociación San Andrés Eventos ten colocado indicacións para facilitar a afluencia do público ao curro.

Por outra parte, a actriz compostelá Greta Marí (Santiago, 1987) leva este sábado ao Auditorio de Cedeira o seu espectáculo “The Great Greta”, unha peza multidisplinar para o público adulto na que combina danza, humor e circo e que define como unha “oda á xente rara”. Baixo a dirección de Paula Quintas, a creadora e protagonista da obra recrea algúns aspectos da súa propia vida con outros alleos nunha montaxe na que a iluminación e a música son elementos narrativos fundamentais. As entradas custan 2,5€ e poden reservarse anticipadamente ou ben comprarse antes da función na billeteira. A función será ás 20.30h.

Greta Marí estreou recentemente o seu primeiro espectáculo en solitario en Santiago. É licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte na especialidade de Danza e graduada en Expresión Corporal pola Facultade de Motricidade Humana de Lisboa. A súa traxectoria como actriz estivo centrada na danza e no circo, cun dúo cómico, un espectáculo de acrobacias e outras experiencias que fusionaban diferentes artes escénicas.