Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTA ESTE SÁBADO O LIBRO SOBRE A HISTORIA DO PAZO DE MOSCOSO

O Concello de Cedeira celebrará este sábado, 10 de xuño, a presentación do libro “O Pazo de Moscoso en Cedeira: Datos para a súa historia”, obra do cronista oficial da localidade, Rafael Usero. O acto terá lugar ás 12.00h do mediodía no patio do propio inmoble, situado no casco vello e que vén de ser rehabilitado para albergar diferentes dependencias municipais.

A presentación contará coa presencia do autor, Rafael Usero, que tiña listo o manuscrito hai anos, pouco despois de que o Concello comprara o edificio coa intención inicial de adicalo a expoñer os obxectos vencellados á historia local reunidos polo propio Usero. Así, cando está a piques de abrir a exposición coa “colección Usero” en dúas salas do Palacete Municipal, ve tamén a luz o libro sobre o Pazo de Moscoso. O acto celebrarase no patio do edificio, convertido agora en praza pública e no que se ten prantado unha laranxeira en recordo das árbores froiteiras que o poblaban antigamente.

Segundo explicou Ermitas García, concelleira de Cultura en funcións, Rafael Usero conta neste libro, cun estilo moi didáctico, non so a historia do edificio senón tamén parte do pasado da vila de Cedeira. Coa súa lectura é posible descubrir detalles da organización social e do modo de vida dos cedeireses e cedeiresas ao longo de varios séculos. O actual Pazo Moscoso foi construido sobre un antigo palacete medieval, de maneira que percorrer a súa historia e as súas transformacións, usos e diferentes habitantes é tamén achegarse á historia de Cedeira desde a Baixa Idade Media ata a actualidade.

O Concello de Cedeira editou e imprimiu 400 exemplares do libro, que tamén se vai poñer a disposición do público en versión dixital na web municipal. O volume está ilustrado con fotografías cedidas por Iago Leonardo, un fotógrafo nado en Madrid e asentado en México pero moi vencellado a Cedeira por lazos familiares e de amizade.

Desde o goberno local en funcións agradecen a colaboración de Leonardo e o traballo de Rafael Usero, non so nesta investigación sobre o Pazo de Moscoso senón polo completo legado de coñecementos e de obxectos que atesourou ao longo dos anos sobre a historia de Cedeira.

DESCARGA PDF libro “O Pazo de Moscoso en Cedeira: Datos para a súa historia”