Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA POR MÁIS DE 98.000€ A AMPLIACIÓN DA REDE DE SANEAMENTO NAS PONTIGAS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou na reunión celebrada o pasado venres a adxudicación da obra de ampliación da rede de saneamento nas Pontigas. O proxecto executarase por un presuposto de 98.364,34€ e servirá para darlle servizo a máis de trinta vivendas dos núcleos das Pontigas e Pardiñeira, ampliando a rede que xa se instalara con anterioridade e que conta cunha nova depuradora ecolóxica e un colector xeral.

A extensión do saneamento instalarase por pistas situadas ao norte e ao sur da estrada DP-2206 terá sete colectores e catro novos pozos de rexistro e enganchará ao antedito colector xeral. A nova rede abranguerá seis ramais que suman máis dun quilómetro e medio de percorrido. Tres deles sitúanse ao norte da estrada provincial DP-2206: un de 420 metros, outro de 50 metros e outro que vai nun tramo principal pola marxe esquerda da citada estrada e que ten outro tramo que vai pola marxe dereita, sumando 350 metros. Os outros tres suman 350 metros por un lado e 285 metros por outro, en ramais que discorren entre A Pardiñeira e As Pontigas, e 50 metros máis doutro que está en Pardiñeira.

O Concello de Cedeira conta con fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para levar adiante este proxecto, co que se avanza no proceso de levar a rede de saneamento ás zonas rurais. O prazo de execución das obras é de catro meses.