Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Leandro Lamas ateiga de luz e cor a ponte nova na loita do Concello contra o feísmo urbano

LEANDRO LAMAS ATEIGA DE LUZ E COR A PONTE NOVA NA LOITA DO CONCELLO CONTRA O FEÍSMO URBANO

O Concello de Cedeira vén de anunciar o remate do traballo artístico levado a cabo por Leandro Lamas nas dúas caras da ponte nova da vila, unha iniciativa máis do equipo de goberno para transformar os espazos públicos en arte urbana. Esta obra súmase ás xa executadas no auditorio, na estación de bombeo, no CEIP Nicolás del Río e mesmo nunha das paredes exteriores da biblioteca municipal.

Sobre a última, o executivo local destaca a participación dun artista consagrado como é Leandro Lamas Hermida nunha acción de goberno coa que se trata de “loitar contra o feísmo, crear museos de balde sen paredes e teitos e xerar un novo recurso cara ao sector turístico”.

A actuación que acaba de rematar tiña como obxectivo ocultar baixo unha composición artística as dúas vigas que soportan a ponte que comunica a praza do Peixe coa rúa Ponte Nova, nome polo que tamén é coñecida a devandita estrutura.

Agora, o formigón quedou solapado baixo uns debuxos moi artísticos, cheos de cor e nos que as sereas acaparan todas as olladas. Na fronte da ponte que dá á ría, dúas figuras femininas, rosadas de faciana e con colas ateigadas de formas xeométricas, serven para arroupar os versos “O norte é poema en si mesmo, é perfume e canción” dos que é autora a cantante local Guadi Galego.

Nautra viga, as sereas comparte espazo con outras personaxes que están a tocar instrumentos musicais ou se atopan enriba de animais acuáticos. As cores e os trazos volven ser a referencia artística da obra coa que Leandro Lamas vén de contribuír a transformar en luz e cor os espazos públicos e urbanos na vila de Cedeira. O artista contou coa colaboración de Abril Meizoso e Manu López Lamas para a realización deste proxecto.

O importe da obra ascendeu a un total de 5.300 euros (IVE Incluído). A devandida cantidade inclúe desde a realización de bocetos ata a man de obra e os materiais empregados.

Os roteiros e as xeorutas estarán operativas ata a segunda quincena do presente mes

OS ROTEIROS E AS XEORUTAS ESTARÁN OPERATIVAS ATA A SEGUNDA QUINCENA DO PRESENTE MES

O goberno de Cedeira estima en máis dun cento de persoas as que este ano tomaron parte no programa “Roteiros”, unha iniciativa municipal para dar a coñecer os principais recunchos da vila e que terá continuidade ata o día 19 do presente mes.

Roteiros dos Tesouros, da Vila e de San André de Teixido son os nomes que serven para identificar unha actividade que permite aos visitantes descubrir lugares de interese etnográfico e cultural como poden ser o santuario de Teixido, así como a costa cedeirense con parada no faro da Robaleira, ou a hermida de San Antón, o xacemento do Sarridal e o castelo da Concepción.

As persoas interesadas aínda están a tempo de participar nunha actividade que é de balde e para a que só é necesario apuntarse na oficina de Turismo (teléfono 981 482 187). As saídas tamén se realizan desde o devandito punto de información municipal (situado na avenida de Castelao). Desde a organización recoméndase aos participantes levar calzado de monte, bastón, auga, froita e chuvasqueiro. As distancias a percorrer oscilan entre os 18 quilómetros (ida e volta a San André) e os seis ou sete contabilizados no caso das outras dúas saídas.

O programa das Xeorutas, rutas guiadas de contido xeolóxico, tamén estará operativo ata o día 15 do presente mes. Nesta caso, as saídas previstas para a esta fin de semana son as do litoral, cantís e praias negras e para o seguinte (días 13,14 e 15) serán as dos cantís, praias negras e cromo.
A participación é gratuíta.

Cedeira acollerá os días 7 e 8 o torneo de fútbol-8, que este ano chega á súa edición número 13

CEDEIRA ACOLLERÁ OS DÍAS 7 E 8 O TORNEO DE FÚTBOL-8, QUE ESTE ANO CHEGA Á SÚA EDICIÓN NÚMERO 13

O Cedeira SD organiza para a próxima fin de semana a edición número trece do trofeo de fútbol 8, que reunirá a 550 deportistas e para a que organización conta coa colaboración do Concello local.

Un total de corenta equipos, a súa maioría procedentes da comarca, tomarán parte nunha competición que terá como escenario o campo municipal do Beco e que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 19.30 horas.

A primeira das xornadas, día 7, está reservada á participación dos equipos de prebenxamíns e benxamíns, mentres que na do domingo xogarán os alevíns e infantís. As finais disputaranse ás 18.30 horas, tanto o sábado como o domingo. Un ano máis a organización garante o avituallamento dos deportistas e das súas familias coa venda de racións de churrasco e bocadillos nunha carpa que se habilitará a tal efecto e que estará situada a carón do recinto deportivo.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, invita aos afeccionados ao fútbol de toda a comarca a acercarse á vila de Cedeira para seguir de cerca o campionato, do que destaca o bo ambiente que existe durante a súa celebración e a posibilidade de desfrutar do fútbol da man das novas promesas.