Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A actividade volverá o luns día 22 ao xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal

A ACTIVIDADE VOLVERÁ O LUNS DÍA 22 AO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE PUNTA SARRIDAL

O próximo luns día 22 volverá a actividade ao xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal coa posta en marcha da terceira campaña financiada polo Concello de Cedeira e que será executada pola empresa AXA Arqueoloxía SL.

Tras a autorización de Patrimonio da Xunta, o goberno municipal volve a investir na recuperación e posta e valor da riqueza patrimonial atopada a raíz da localización, en decembro de 2017, da pedra formosa, tamén chamado monumento con forno.

Agora trátase de continuar coa limpeza da muralla que está máis próxima ao monumento e á ampliación da escavación para atopar novos tramos da canle de auga que abastecía unha sauna cuxa construción remóntase ao século III a.de C, segundo a cronoloxía da proba do Carbono 14 (novembro 2018).

Os traballos prolongaranse durante tres semanas e o seu orzamento ronda os 15.000 euros. Emilio Ramil, como arqueólogo e director da empresa adxudicataria, subliñou que se trata de traballar tanto en profundidade como en extensión coa intención de definir o mellor posible a zona máis próxima ás murallas que limitan á construción castrexa. Nesta ocasión, os traballos que darán comezo o luns serán executados por dous arqueólogos e catro auxiliares, ademais da persoa que fará volar un dron para recoller en imaxes a evolución desta nova intervención, que será a quinta. A idea, segundo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, “é seguir traballando ata completar a totalidade do xacemento, unha riqueza patrimonial moi importante non só para Cedeira senón para a cultura en xeral”.