Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira está á espera da autorización de patrimonio para volver intervir no xacemento do Sarridal

CEDEIRA ESTÁ Á ESPERA DA AUTORIZACIÓN DE PATRIMONIO PARA VOLVER INTERVIR NO XACEMENTO DO SARRIDAL

O Concello de Cedeira está á espera da autorización de Patrimonio da Xunta para ampliar o xacemento arqueolóxico do Sarridal, no que en 2017 foi localizada a quinta e maís antiga pedra formosa atopada en Galicia.
A idea do goberno local é seguir investigando sobre a historia da localidade retomando os traballos que desde hai dous anos estanse a levar a cabo nunha zona que xa se está a converter nunha nova referencia turística e patrimonial de Cedeira.

A prolongación dos espazos ata o de agora escavados, a posta en valor do conxunto e mesmo o inicio dos traballos cara á recuperación do muro que limita o antigo asentamento castrexo son os principais contidos dunha actuación que o goberno municipal prevé iniciar antes da chegada do verán.

De ser así, será a cuarta actuación arqueolóxica desenvolta na zona, aínda que o proxecto tivo como punto de partida a realización dunhas catas contratadas pola administración local e executadas na primavera de 2016. Na xornada do 1 de decembro de 2017 daba comezo a primeira escavación financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio (18.000 euros) e o día 14 dese mesmo mes foi localizada a pedra formosa, tamén coñecido como monumento con forno.

Con cargo a unha nova achega autonómica, por importe doutros 18.000 euros, en marzo de 2018 retomábanse os traballos para a posta en valor do asentamento galaico- romano. Posteriormente, e financiado polo Concello, o goberno municipal volveu investir 12.000 euros para delimitar a estrutura da muralla máis inmediata á localización do monumento. Foi o proxecto desenvolvido o pasado verán.