Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

OS NOVOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PROTAGONIZAN O NOVO NÚMERO DO BOLETÍN “AS7PARROQUIAS”

O Concello de Cedeira vai distribuír estes días entre a veciñanza un novo número, o 17, do boletín “As7Parroquias”, no que informa das principais novidades e logros do traballo municipal nos últimos dous meses. Desta volta o boletín destaca na súa portada a aprobación dos novos orzamentos municipais, que poñen o acento no eido dos servizos sociais, e tamén o compromiso acadado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para retomar as xestións e poñer en marcha a ampliación do Centro de Saúde de Cedeira.

“As7parroquias” detalla tamén as obras que están en marcha ou que remataron recentemente, e os principais proxectos de investimento que se consignaron nas contas de 2021. Informa tamén da reserva de 70.000 euros para lanzar unha nova convocatoria de axudas municipais a empresas e autónomos, coa finalidade de paliar os efectos da pandemia, así como dos fondos adicados a sufragar actividades do tecido asociativo da vila.

A aprobación por primeira vez na historia de Cedeira duns orzamentos participativos, que se elaboraron por parte do alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira, e a moción unánime dos grupos municipais para cubrir o patio do Areal do CEIP Nicolás do Río son outros dos temas que aborda o boletín, no que tamén se dá conta da finalización da redacción do proxecto para a recuperación integral do curso medio do río Condomiñas.

A contraportada de “As7Parroauias” está adicada, como é habitual, ao tecido asociativo da localidade. Nesta ocasión ofrece unha reportaxe sobre ABAC, a Asociación de Benestar Animal de Cedeira, e o seu traballo polo control das colonias de gatos.

DESCARGA PDF Boletín “As7Parroquias”

O “PINOCHIO” DE GHAZAFELHOS CHEGA ESTE SÁBADO A CEDEIRA

O Auditorio de Cedeira acollerá este sábado, ás 19.00 horas, a función de teatro infantil “Pinochio”, a cargo da compañía Ghazafelhos, que fai unha versión libre do clásico con títeres, teatro actoral e música en directo. A obra está dirixida a nenos e nenas a partir de cinco anos.

As persoas interesadas teñen que reservar localidades previamente a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal ou ben por whatsapp no número 649 876 614, en horario de 09.00 a 14.00 horas, indicando o nome das asistentes e un número de teléfono de contacto. O prezo da entrada é de 2,50€.

PROXECTO PESCATURACCIÓN

O proxecto Pescaturacción segue a traballar no impulso do desenvolvemento dos sectores da pesca e do turismo de Cedeira.

A participación dos integrantes destes sectores é un dos piares fundamentais do proxecto, e por iso o seguinte paso a dar é a celebración das reunións dos grupos de traballo.

O primeiro que vai ter lugar é o Grupo de Traballo do Sector da Pesca, na tarde do próximo luns día 12 de abril. Están convocadas a participar algunhas das entidades máis relevantes do sector no territorio, co obxectivo de validar aspectos detectados na primeira fase do proxecto, e de identificar os retos máis prioritarios a solucionar.

Pertences ao sector da pesca e estás interesado en asistir? Se non recibiches a información, ponte en contacto co teléfono 621.256.391.

Seguimos a construír Cedeira entre todos e todas!