Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

PRIMER TALLER SECTORIAL DO TURISMO

O concello de Cedeira comezou esta semana as xornadas de traballo do proxecto Pescaturacción, coa reunión das entidades do sector pesqueiro, e o próximo luns é a quenda dos representantes do Sector do Turismo de Cedeira.

Empresas de aloxamento, restauración, turismo activo, turismo náutico, transporte e comercios turísticos, están convocadas a participar neste Grupo de Traballo do Sector Turístico, que terá lugar o próximo 19 de abril.

Na reunión, validaranse as características do sector detectadas na fase previa do proxecto, e identificaranse os retos que o turismo ten que afrontar de maneira prioritaria no municipio de Cedeira.

Se pertences ao sector do turismo e tes interese en participar pero non recibiches a información, ponte en contacto co teléfono 621.256.391.

PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO PERMISO DE CONDUCIR 2021

Na actualidade, a DXT é o organismo encargado de expedir os permisos de conducir no territorio español. Os aspirantes a condutores demostran nun exame teórico e outro práctico os seus coñecemento das normas de circulación e as súas habilidades ao volante. Só se son aptos en ambas as probas obterán dita licenza.

Tanto o contido do código, como a súa avaliación cambiaron ao longo da historia do organismo. Para facilitar a aprendizaxe, as autoescolas organizaron a información en 12 temas. Para preparar o exame teórico, os aspirantes poderán consultar os manuais clásicos de circulación, ademais de material on- line para repasar o aprendido. Unha vez superada a proba teórica poderán presentarse ao práctico.

Para poder realizar devanditos exames, débese realizar unha solicitude previa. Na seguinte ligazón atopará os procedementos para seguir ademais das medidas de seguridade fronte ao COVID-19: https://sede.dgt.gob.es/es/permisos-de-conducir/obtencion-renovacion-duplicados-permiso/permiso-conducir/

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA EXPRESA O SEU APOIO ÁS TRABALLADORAS DO CONSORCIO GALEGO DE IGUALDADE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o apoio do goberno local ás reivindicacións das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e especialmente ás da escola Galiña Azul na vila, coas que se reuniu onte. “Estamos a falar de persoal que ten máis de oito ou trece anos de antigüidade, que en moitos casos pasou por unha oposición, e que precisa unha solución máis xusta”, explicou o alcalde, en referencia á OPE anunciada pola Xunta.

Segundo explicaron as propias traballadoras afectadas, a Xunta anunciou unha Oferta Pública de Emprego na que están incluídas unhas 1.200 prazas das 1.500 que ten o Consorcio, tanto nas 150 escolas da Galiña Azul como en centros de día, residencias e outros servizos dependentes deste organismo. Máis do 90% da plantilla do Consorcio son traballadoras e traballadores temporais e practicamente todos os seus postos están na OPE, explicaron.

O colectivo afectado denuncia que a Xunta abusou da temporalidade ata situar a maior parte dos empregos en fraude de lei e chama a atención sobre as consecuencias que a oferta de emprego pode representar para a continuidade, a estabilidade e a calidade destes servizos públicos. As traballadoras recordan tamén que ao longo do tempo, e en diferentes procesos, moitas delas xa aprobaron un concurso oposición.

As traballadoras do Consorcio están a facer folga cada martes desde o pasado 30 de marzo.